«Tardas máis en esconder o lixo que en ir ao punto limpo»

Christian Rodríguez, C. C. MONFORTE

PANTÓN

CEDIDA

A asociación Segredos de Pantón propuxo facer un inventario de todos os vertedoiros ilegais do concello

16 ago 2019 . Actualizado a las 10:18 h.

 A asociación Segredos de Pantón puxo en marcha unha campaña que dá premios aos que descubran vertedoiros ilegais no municipio. Para participar só hai que facer unha foto e enviala ás redes sociais da entidade. O seu presidente, Lucas Vázquez, cóntanos máis detalles desta iniciativa.

-Como xurdiu a idea de facer esta campaña?

-Nas propias actividades que fai a asociación en exteriores case sempre atopábamos montóns de lixo, mesmo en lugares moi transitados polo paso de rutas, como é o caso da fervenza de Augacaída. O noso obxectivo último é facer un inventario de todos os puntos onde ocorre isto para despois recoller sinaturas que enviaremos ás administracións competentes para que o resolvan. Negámonos a facer un traballo que non nos corresponde.

-Non debe poñerse o foco tamén sobre os delincuentes?

-A responsabilidade primeira é de quen bota o lixo. Na poza de Xan Arteiro, por exemplo, atopamos os restos dun tabique. O caso non é culpabilizar a uns ou otros, senón facer as cosas ben. Queremos sensibilizar á poboación sobre a importancia de manter o entorno limpo, o que debería ser primordial antes de vendernos cara a fóra para conseguir distincións.

-Existe un perfil da xente que fai isto?

 -A nosa percepción é que o fan persoas de mediana idade. No trato coa xente vemos que as persoas maiores soen ser moi respectuosas coa natureza e entre a mocidade hai de todo.

-Que balance facedes do mes que levades?

 A acollida foi boa en parte pola difusión que dimos e polo incentivo dos premios. Xa localizamos vinte puntos de vertidos ilegais, que incluimos nun mapa interactivo chamado Pantón sen Lixo que retomamos dunha campaña similar que lanzamos anteriormente.

-Céntranse en todos os puntos de verquidos ilegais ou nos que teñan unhas dimensións ou características concretas?

-A nosa intención é abarcalos todos. Si que hai puntos de maior concentración, como é o caso da estrada que vai de Guítara a Santa Mariña. Un señor indicounos que nese tramo existen ata doce vertedoiros ilegais.

Un dos vertedoiros ilegais que retrataron os seguidores da asociación Segredos de Pantón
Un dos vertedoiros ilegais que retrataron os seguidores da asociación Segredos de Pantón

-Que é o máis peculiar que atoparan no monte?

-Hai de todo: plásticos, electrodomésticos, hai moitísima uralita cando é un material que require unha xestión especial... O que máis nos sorprendeu foi un váter nun lugar no que non habia ningunha estrada nin camiño de terra. A xente perde máis tempo en pensar nun sitio apartado para tirar o lixo que o que tardaría en levarlo ao punto limpo de Següín.

-Como é a xestión de residuos no Concello?

-Existen deficiencias notables. O verán pasado na aldea de Cotillón non se recolleu o lixo durante un mes e medio. Coas papeleiras do miradoiro de Pesqueiras fixeron o mesmo. Non todo é froito da casualidade.

-En que proxectos estades traballando actualmente en Segredos de Pantón?

-Seguimos coas reconstrución 3D da Torre de Quitapesares e das telleiras de Pantón, ás que vai sumarse a do Priorado de San Romao de Moreda. Acabamos de enviar tamén a documentación da nosa investigación sobre as telleiras á Dirección Xeral de Patrimonio para que as inclúa no seu catálogo, na que concluímos que a de A Bastida podería ser unha das más antigas de Galicia.

-En anteriores ocasións protestaron pola exclusión de varios bens patrimoniais de Pantón da declaración do BIC de Ribeira Sacra. Está desprestixiada a ribeira do Cabe?

-Non sabemos moi ben por que pero para o Consorcio de Turismo o Cabe é un río de terceira e un mero subalterno do Sil. A ribeira do Cabe parece un espazo e un tempo distintos, porque mantén a súa esencia e as súas tradicións, como por exemplo, o entroido riberao propio das aldeas de Budián ou Anllo, en Sober. Existe moito descoñecemento tamén da administración, que mesmo incluiu entre os BIC de Pantón a ermida que deu orixe ao mosteiro de San Miguel do Canar, que está doutro lado da ribeira.

-Ese descoñecemento afecta aos veciños o son eles os que promoveron a recuperación do patrimonio?

-A memoria e a información dos lugares que falamos son obra e graza da xente. Moitos obviáronse e outros como a capela rupestre de Cotillón, que data do século VI e podería ser dos monumentos critiáns máis antigos da Ribeira Sacra xunto ao mosteiro de San Pedro de Rocas, aparecen no decreto do Doga cun grado de protección menor.

-Todo ou que non sexa o románico, se promociona o suficiente?

-Se promociona o que decide o consorcio de Turismo. Organizacións como a nosa que vai más alá do catamarán e traballa por defender a tradición ou os promotores da excavación no castro de Cereixa parece que somos residuais e actuamos na clandestinidade. Non defender o legado dos nosos antergos supón un insulto á suposta cultura ribeirá que fannos crer que defenden.

Á CAZA DOS VERTEDOIROS ILEGAIS

Co lema «O lixo no seu lugar, non no monte», a asociación Segredos de Pantón iniciou unha campaña o pasado 19 de xullo para facer un inventario de todos os focos onde se arroxa lixo ilegalmente. Se trata de unha campaña colectiva, na que se atopas un destes vertedoiros ilegais, só tes que facer unha foto do lugar e enviala a segredosdepanton@gmail.com, ás redes sociais da entidade ou ao teléfono 662669223. Haberá distintos premios para as persoas que notifiquen de máis lugares: un lote de produtos de O Fogar dos Soños e unha botella de Vertixe e outra de Oh My God conforman o primeiro premio; unha botella de Almanova de AlmadasDonas e mais un bote de mel e unha botella de aceite da Panadería Tarrazo; e finalmente, o libro «O raposo Rufo en O coidado do medo» ofrecido por Estudio Gnomo.