Reto demográfico e vivenda en Pantón

Rosana Prieto PORTAVOZ DO BNG EN PANTÓN

PANTÓN

14 jun 2025 . Actualizado a las 14:04 h.

O concello de Pantón ten unha extensión aproximada de 146 km e máis de 220 núcleos de poboación, que se distribúen ao longo de 26 parroquias. Contamos con 1675 casas familiares, e 2340 habitantes segundo os últimos datos do INE, cunha media de idade de 58,52 anos, isto quere dicir, que temos que atraer poboación, porque nos estamos despoboando.

Estes datos dan como resultado cantidade de antigas casas baleiras, moitas en moi mal estado. É o saldo da emigración e do éxodo rural que foi baleirando un concello que estreaba o século XX con case 15.000 habitantes. Moitos deses inmobles son hoxe ruínas pasto de sabugueiros. Nalgúns casos os herdeiros non adxudicaron a propiedade, noutros a Xunta sería a herdeira, e figuran como de propietario descoñecido, cargando sobre os concellos todos os problemas que xeran estas construcións, nomeadamente cando comparten medianeiras con outros inmobles. Todo iso resúmese en que non termos casas abertas dificulta o mantemento do territorio, e carga aos concellos cunha nova competencia impropia. Hai que darlle saída a esa cuestión. É máis, se somos algo espelidos pode significar unha oportunidade para combaternos o despoboamento.

Na capital do románico rural corría o 2017 cando a iniciativa do BNG, a corporación aprobou por unanimidade a creación dunha bolsa de vivenda para o alugueiro nas aldeas co compromiso do goberno municipal de que o concello elaboraría un inventario de inmobles para establecer cales eran habitables e cales non. É urxente recuperar aquilo e pórse a traballar. Estamos no corazón da Ribeira Sacra a moi pouca distancia de núcleos urbanos como Monforte e Ourense. E isto nun contexto no que o acceso á vivenda está a se converter nun problema de primeira magnitude para desenvolver a vida, dado que esta leva máis da metade do salario nalgunhas áreas metropolitanas galegas como a de Vigo ou a da Coruña.

Nós podemos facer desa masa de vivenda baleira unha oportunidade para Pantón, e cambiar as tendencias demográficas, o que ademais axudaría a paliar os efectos da desfeita que deixa no territorio o abandono. O que non podemos é seguir mirando cara a outro lado, temos que tirar proveito da situación e converter o actual contexto nunha oportunidade para o noso municipio e facilitar o acceso á vivenda nas nosas aldeas como método de combater o despoboamento.

Isto debe vir acompañado dunha planificación de carácter municipal ou supra municipal, que doten de servizos básicos todos os núcleos habitados, acompañados servizos faciliten a mobilidade de carácter público pensados para a xente que vivimos nesas aldeas, para acadalo podemos obter fondos europeos, xa que o 60% dos que nos tocan a Galiza están por decidir, e hai de prazo até o vindeiro decembro.»