Manuel Cao, profesor e escritor: «Co tren, San Clodio creceu como un poboado do Oeste americano»

RIBAS DE SIL

Cao acaba de publicar unha obra divulgativa sobre a historia de Ribas de Sil que será presentada este domingo
08 jun 2023 . Actualizado a las 19:34 h.O salón de actos da casa consistorial de San Clodio acollerá este domingo —ás 17.00 horas— a presentación do libro Historias do concello de Ribas de Sil, editado polo servizo de publicacións da Deputación lucense por mediación do Concello. O seu autor, Manuel Cao Rodríguez (Ribas de Sil, 1947), é profesor xubilado e xa publicara no 2002 outro traballo divulgativo sobre a historia local.
—A que fontes históricas recorreu para escribir este libro?
—Non hai ningunha obra específica sobre a historia do municipio e tiven que buscar información en moitos lugares diferentes. Recollín referencias a este concello que aparecen en obras de carácter máis xeral e tamén utilicei documentos de distintas procedencias, en moitos casos facilitados por xente que coñezo. Tamén recorrín moito á tradición oral, ás conversas que mantiven durante moitos anos cos veciños. No libro recollo lendas e tradicións populares que nalgúns casos teñen unha base histórica real.
—De que períodos se ocupa na obra?
—Non segue un sistema moi académico, porque non son historiador de profesión, pero trata de abranguer todos os períodos, desde a prehistoria ata hoxe. As épocas ás que presto máis atención son a romanización, a Idade Media, a guerra napoleónica —ou francesada, como se lle chamou tradicionalmente— e a chegada do ferrocarril. Son épocas que trouxeron grandes cambios e marcaron moito a historia do municipio. A romanización, porque nese período houbo unha actividade mineira importantísima. A Idade Media, porque desa época data a abadía de San Clodio, que foi durante moito tempo o principal centro de poder do territorio. A invasión francesa tamén deixou unha pegada moi forte e a tradición popular incluso conserva nomes de persoas que morreron nos sucesos desa época. E a chegada do ferrocarril en 1883 tivo aquí unha influencia enorme.
—Pode mencionar algunha das tradicións locais que recolleu no seu libro?
—Por exemplo, cando eu era rapaz dicíase que a torre da abadía de San Clodio fora en tempos un cárcere da Inquisición onde eran torturados os herexes. É unha lenda que probablemente indica que nalgunha época esa construción albergou un calabozo para presos comúns, porque a abadía era unha autoridade civil e xudicial. Neses tempos tamén había no patio de abadía un banco de pedra de cantería de forma prismática, cuns cortes que segundo a tradición popular eran marcas dos canonazos da francesada. Curiosamente, esa pedra era en realidade un morteiro utilizado nas minas romanas para triturar anacos de rochas. As pezas deste tipo abundan no municipio e moitas delas foron reaproveitadas como materiais de construción.
—Que aspectos da historia da abadía son menos coñecidos?
—Algo que non se sabe moito é que a abadía serviu de retiro para moitos frades doutros mosteiros que viñeron pasar aquí os seus últimos anos. Viñan atraídos polo clima local e polas grandes cantidades de froita que se cultivaba neste territorio. Así podían gozar dun tempo máis benigno e dunha alimentación saudable.
—Que supuxo para o municipio a chegada do ferrocarril?
—O tren converteu San Clodio nunha vila en expansión. Co tren, San Clodio creceu con moita rapidez, como un poboado do Oeste americano. Transformou totalmente a localidade e deulle a forma lineal que aínda segue tendo hoxe. Primeiramente, moitos veciños da comarca e de fóra encontraron traballo na construción das liñas férreas e a estación. Despois chegaron outros para montar negocios, para abrir explotacións mineiras... O antimonio das minas de Vilarbacú, en Quiroga, saía a través da estación de San Clodio. Tamén houbo moita xente que traballou nos ferrocarrís en diversas ocupacións.
—Hai algún detalle desa época que lle chame particularmente a atención?
—Un aspecto que non se recorda moito hoxe é que o ferrocarril deu traballo a moitas mulleres. Para nivelar os terreos onde se colocaron as vías do tren houbo que mover moita terra. Nesa época non había camións para facer o traballo e foron sobre todo mulleres as que se encargaron de transportar a terra con cestos. Cando eu era neno cheguei a coñecer a unha muller moi maior que traballara carretando terra desa maneira.