Amandi arrancou con forza

SOBER

ALBERTO LÓPEZ

Crónica | A feira vinícola soberina cumpre 25 anos O novo recinto feiral foi do agrado de numerosos visitantes

19 mar 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

? Feira do Viño de Amandi, a máis antiga feira vinícola da Ribeira Sacra, iniciou con bos auspicios a edición que marca o seu primeiro cuarto de século de existencia. Nun ambiente distendido, pero sumamente animado, numerosos veciños e visitantes estrearon onte pola mañá a carpa instalada na praza do Concello para acoller a case histórica feira do 25 aniversario. Moitos deles comentaron eloxiosamente a disposición do recinto, que integrou de forma acertada a fonte pública da praza, axudando en gran maneira a refrescar o ambiente. Porque o sol xa petaba con forza en Sober onte ao mediodía. A fumareda dos incendios declarados non moi lonxe, na ribeira ourensá do Sil, cubría toda a vila dunha luz estraña, semellante á dun día de eclipse. Entre as moitas persoas que circularon baixo a sombra da carpa, agrupándose por diante das casetas das adegas, non se viron celebridades da política local ou provincial a esas horas. A situación será sen dúbida moi diferente hoxe, na xornada grande da festa. Mentres os visitantes probaban os diferentes tintos e brancos da subzona, os canteiros que traballan á vista do público durante estes días -por iniciativa do Concello- acometían o seu labor nas inmediacións do recinto, tallando unhas esculturas de formas ás veces rechamantes. O ruído rítmico dos instrumentos mecánicos utilizados para pulir a pedra puxo á feira unha inesperada banda sonora -bastante suave e nada molesta- con aires de música tecno. A afluencia de público foi crecendo pausadamente ao longo desta primeira xornada.