Patricia González, traballadora social: «O obxectivo de 'Inmarcesibles' é que nos queiramos e nos aceptemos tal como somos»

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

SOBER

Patricia González co cartel anunciador da exposición fotográfica, que agora pode verse no centro sociocultural de Bóveda
Patricia González co cartel anunciador da exposición fotográfica, que agora pode verse no centro sociocultural de Bóveda CEDIDA

González ideou a exposición fotográfica itinerante sobre a «beleza real feminina» que promove o Concello de Sober

15 abr 2023 . Actualizado a las 13:19 h.

Patricia González Vidal, traballadora social do Concello de Sober, presentou este luns no centro sociocultural de Bóveda a exposición fotográfica itinerante «Inmarcesibles», dedicada á «beleza real feminina». A iniciativa foi organizada por ela e por Ana de la Torre Alvaredo —tamén traballadora social do mesmo municipio—, e as imaxes da exposición foron realizadas pola fotógrafa monfortina María Fernández.

—Como xurdiu a idea de organizar esta exposición?

—Comezou cunha reflexión persoal sobre a influencia que teñen hoxe as redes sociais, sobre o feito de que se utilicen tanto os filtros de Instagram, que modifican a cara e o físico. Hai moitas mulleres que tapan a cara ou parte do corpo para aparecer nas redes. Parece que non estamos contentas co noso físico. A partir desa idea pensamos en facer unha exposición con fotografías de mulleres reais que se presentan tal como son.

—Cal é o obxectivo deste proxecto?

—A nosa intención é invitar a reflectir sobre a exclusión invisible que experimentan as mulleres cando se fala do seu físico. É unha exclusión porque na nosa sociedade parece que o corpo feminino debe axustarse obrigatoriamente a un canon de beleza establecido e as mulleres que non se axustan a eses parámetros son rexeitadas. E é invisible porque esta ensinanza non se transmite dunha forma directa, senón que se maquilla baixo a premisa de que a muller debe ser libre e preocuparse pola súa saúde física e mental. Pero o resultado é que moitas mulleres que non se axustan a ese canon de beleza sofren problemas de depresión, de alimentación... O obxectivo de «Inmarcesibles» é axudar a que nos queiramos e nos aceptemos tal como somos. Queremos que o que a nosa sociedade percibe e transmite como defectos e complexos se perciba como o que é realmente, o corpo de todas as mulleres e a súa realidade.

—Canto tempo levou desenvolver este proxecto?

—Presentámolo hai un ano, coincidindo co 8 de marzo do 2022. Foi entón cando fixemos un chamamento para pedir voluntarias que quixesen servir como modelos nesta exposición fotográfica. Ao principio foi difícil, porque había moi poucas mulleres que se animasen a participar. Pero despois enfocamos a busca doutra maneira, dirixíndonos de forma específica a determinadas persoas, e todo foi mellor. As mulleres que aparecen nas fotografías, na súa maioría, son veciñas de varios municipios da comarca de Lemos. A exposición foi inaugurada en xuño en Sober.

—Agora está en Bóveda, pero antes pasou por outros lugares.

—Si, desde que se inaugurou presentámola tamén no Saviñao, Pantón, Chantada, Sarria, Nogueira de Ramuín, Esgos, Agolada, o cárcere de Pereiro de Aguiar... Despois irá ao instituto Río Cabe de Monforte e a Xunqueira de Espadanedo. Podemos levala a outros lugares se nolo piden os concellos ou as asociacións.

—O proxecto tamén comprende charlas divulgativas.

—Se as entidades que están interesadas na exposición nolo solicitan, tamén podemos ofrecer charlas para explicar os seus contidos e o que pretendemos con esa iniciativa. Estas charlas estámolas dando sobre todo nos centros educativos, en institutos e colexios, pero tamén as podemos ofrecer noutros lugares. Ir aos centros educativos parécenos moi importante, porque o impacto que teñen as redes sociais nos adolescentes é brutal, e iso inflúe moitísimo na percepción que teñen dos propios corpos.

—Cren que as redes sociais agudizaron estes problemas?

—Estes problemas xa existían antes, porque o cine, a televisión e a publicidade difundían uns modelos ideais de beleza aos que moitas mulleres non se poden axustar. Pero coas redes sociais estes problemas multiplicáronse dunha maneira tremenda.

—Non é moi frecuente que unha iniciativa como esta saia dos servizos sociais dun concello.

—Non é nada frecuente, pero consideramos que na nosa función como traballadoras sociais tamén deben entrar iniciativas como esta. O proxecto naceu en Sober, pero non se dirixe unicamente a este municipio e de feito, está espertando interese en moitos outros lugares, porque estes problemas son comúns a toda a sociedade.