María Vázquez, pioneira na docencia e na política
16 dic 2025 . Actualizado a las 22:26 h.A escritora e investigadora Aurora Marco vén de publicar un ensaio que fía a andaina dunha muller progresista, María Vázquez, pioneira na docencia e na política. A biografía dunha mestra vocacional, con raíces en Sober, que nace en Compostela en 1894, estuda en A Coruña e exerce a docencia en Pobra do Caramiñal durante 12 anos, ata 1930. Neste ano obtén praza definitiva en Miño e fixa a súa residencia na vila, ata agosto de 1936, data na que é detida, encarcerada e asasinada.
Cunha linguaxe fluída, e unha extensa achega de documentación rigorosa e imaxes inéditas, a obra disponse nunha estrutura onde a autora artella o periplo dunha docente renovadora, dunha muller comprometida coa liberdade e os dereitos femininos, ata a noite que é truncada a súa vida, con tan só 42 anos. Ademais inclúe, no epílogo, o expediente de depuración aberto catro anos despois do seu asasinato. Un ensaio imprescindíbel que pon en valor o papel das mestras no período republicano e retrata o horror do levantamento militar.
Aurora Marco é autora dunha extensa obra, galardoada con diferentes premios, que procura a recuperación da traxectoria de mulleres galegas.
«María Vázquez, a mestra»
Aurora Marco
Alvarellos (Santiago)
270 páxinas