Emotivo adeus á veciña máis lonxeva de A Fonsagrada

MANUEL FERNÁNDEZ A FONSAGRADA / LA VOZ

A FONSAGRADA

Ermitas estaba a piques de cumprir 103 anos
Ermitas estaba a piques de cumprir 103 anos MANUEL FERNÁNDEZ

Ermitas Álvarez finou aos 102 anos na aldea de Villabol de Abaixo, onde pasou unha vida de traballo, pero rodeada de moito cariño

06 oct 2025 . Actualizado a las 21:19 h.

Se cada ser humano ten unha misión nesta vida, se algúns traen un pan debaixo do brazo cando veñen ao mundo, Ermitas Álvarez Gómez (Villabol de Abaixo, A Fonsagrada, 1923-2025), trouxo consigo unhas alforxas cargadas de bondade. Nada en Vilardongo, casou de mociña con Manuel Mon na casa de Orial, nos Vilabois, convertendo ese lugar na súa eterna morada e tamén en lugar de encontro e polavila do vecindario e arredores. Pariu tres fillas que levan na súa xenética as dotes de humildade e bo facer, coma a proxenitora. Unha extensa familia de fillos, netos, bisnetos e un tataraneto conforman o fogar que un día ela creou sendo un exemplo de amor, boa relación e arraigo á terriña que os viu nacer.

Nos anos de escaseza, a despensa de Ermitas estaba aberta de par en par, e quen se chegaba, ben por necesidade ou ben por gozar dun lugar con encanto, observaba xa na súa ollada  unhas facianas co sorriso nos beizos e percibía a bondade manifesta das persoas de ben.

Florencio dos Vilares, o último cego andante, escollía e buscaba acomodo na casa de Orial. Durante moitos anos pasou alí os duros invernos que daquela tiñamos nas aldeas da montaña. As noites de baile e canto que se organizaban arredor da lareira perduraron no tempo ata que a emigración e o avellentamento da poboación e con ela, do rural, trouxo o esmorecemento.

Repartindo consellos, colaborando cos veciños en calquera labor tanto agrícola coma doméstica, traballando sen desmaio un día tras outro transcorreu o século vital de Ermitas.

A piques de chegar aos 103 anos (en xaneiro sería o seu aniversario), vaise a referencia, a persoa na que conflúen as virtudes do que debería ser un ser humano, corazón inmenso con bondade infinita. Os que a apreciamos, a coñecemos e gozamos dela non a esqueceremos xamais. O seu exemplo será transmitido ás xeracións vindeiras, tentando que o mundo sexa un pouco mellor guiados pola estela luminosa que ela acendeu e que nunca se apagará.

O enterro, este martes na súa aldea

Tanto o domingo coma onte oficiouse unha misa no Tanatorio Regueiro, en A Fonsagrada. Este martes, 7 de outubro, terá lugar a saída do tanatorio ás 12.00 horas ata o cemiterio parroquial de Lamas de Moreira, parroquia onde habitaba Ermitas. Seguidamente celebrarase a misa funeral na igrexa parroquial. Veciños, amigos e familiares despedirán a avoa máis lonxeva, e seguramente unha das máis queridas, da comarca de A Fonsagrada.