A Deputación de Lugo aproba melloras en dez estradas por un importe de 1,7 millóns de euros
A PASTORIZA
Entre as vías que se mellorarán hai catro do Páramo, unha delas a que parte de Conturiz
13 ago 2021 . Actualizado a las 18:37 h.O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, anunciou que a xunta de goberno aprobou melloras para a rede de estradas provincial por un importe de 1,7M€. Aprobaron a licitación dos traballos de acondicionamento e rehabilitación do firme en cinco estradas do Páramo e Ribadeo e a adxudicación das obras noutras cinco vías que atravesan os concellos de Guitiriz, Monforte de Lemos, Bóveda, A Pastoriza, Castro de Rei e Barreiros.
«Mellorar a mobilidade é unha das prioridades neste mandato e tamén o meu compromiso, porque unhas estradas en boas condicións son necesarias para favorecer a igualdade de oportunidades e o reequilibrio territorial», apuntó Tomé Roca, que lembrou que nos orzamentos provinciais deste ano as partidas para o amaño de estradas aumentaron nun 14% ata acadar os 16 millóns.
As cinco licitacións foron para a LU-P-5207 de Ribadeo, que vai a Vilela e o campo de fútbol, cu importe de 524.000€. Inclúe beirarrúas. E catro vías do Páramo, cun importe de 367.000€. Unha delas é a que une A Pobra de San Xiao co Páramo e outra a que sae de Conturiz, en Lugo.
Por outra parte, as cinco adxudicacións, por case 700.000 euros, foron en Guitiriz as obras de mellora da LU-P-2303 que comunica Parga con Santalla; os traballos de mellora da LU-P-4401 que conecta A Pastoriza e Muimenta. Unhas obras que beneficiarán aos veciños da Pastoriza, Cospeito e Castro de Rei; no concello de Monforte adxudicáronse as melloras para outro tramo da estrada que conecta con Currelos, no Saviñao, a LU-P-3202; e melloras noutro tramo da LU-P-0907, en Bóveda, que conecta Teilán co concello de Paradela.
No caso da vía da Pastoriza, Tomé dixo que quedará unha segunda fase que será a travesía da vila, que logo se cederá ao Concello.