Marcos García Lombardero: «Na Pastoriza todos os veciños colaboran ben para que haxa unhas boas festas»
A PASTORIZA
O tenente de alcalde pastoricense agradece o traballo da comisión, porque coñece as dificultades que xorden na preparación dun festexo
01 sep 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Marcos García Lombardero, de 35 anos, sabe o que é organizar as festas da Pastoriza, que se celebran deste venres ao domingo. O que está a descubrir neste 2023 é o traballo na corporación municipal, á que pertence dende xuño. Despois de recuperar o PP un goberno que tiveran o PSOE e o BNG dende o 2015, dirixe as áreas de Servizos, Obras e Medio Rural. Fixo parte das listas do PP no 2015. Defínese como un home de partido: «Estou á súa disposición», afirma. Arestora ocúpase de traballos de limpeza e de arranxo de pistas mentres prepara outros.
-Agradece que haxa unha comisión para organizar as festas?
-Sen dúbida. É algo gratificante. Eu fun membro da comisión seis ou sete anos, sei o que é ese traballo.
-É un traballo difícil?
-Sempre é complicado. Nos concellos rurais, cada vez queda menos xente. As achegas veciñais son moi boas, e o Concello fixo un esforzo.
-Canto dá o Concello?
-600 euros.
-¿Que pode esperar unha comisión de festas?
-Que os veciños colaboren. Nesta parroquia todos os veciños colaboran ben. E que haxa bo tempo, que sempre é unha axuda.
-Que é máis difícil, organizar unhas festas ou ser concelleiro?
-Non é máis difícil unha cousa ca outra. Como concelleiro é gratificante solucionar os problemas da xente. Veño da empresa privada, onde se había un problema, resolvíao eu. É agradable que os veciños che pidan algo e poder resovelo o máis rápido posible.
-Se ten que definir as festas, parécelle que son mellores ou peores ca outras?
-Na Pastoriza sempre se fan boas festas. Estas, ademais, son o último coletazo do verán, aínda que quedan outras: as de Fonmiñá, as de Pousada e as dúas do San Cosme, en Seselle (Bretoña) e en Piñeiro.