Teresa Batán: «Se os pais queren que o seu fillo lea, teñen que traballar con el dende os dous meses»

Uxía Carrera Fernández
UXÍA CARRERA LUGO / LA VOZ

ANTAS DE ULLA

Club de lectura para bebés, de entre cero e tres anos
Club de lectura para bebés, de entre cero e tres anos CEDIDA

A Biblioteca Municipal de Antas de Ulla está nominada aos Premios Follas Novas pola súa labor no fomento da lectura. A encargada explica as súas actividades, tan novidosas como un Club de Lectura para bebés

15 abr 2022 . Actualizado a las 13:47 h.

Entre autores como Ana Romaní ou Suso de Toro e iniciativas culturais como a Casa-Museo Manuel María móvese a Biblioteca Municipal de Antas de Ulla. Este centro público está seleccionado na categoría pola mellor traxectoria nos premios Follas Novas, ou Gala do Libro Galego. É un recoñecemento pola súa labor do fomento da lectura. A responsable, Teresa Batán, que leva 31 anos como encargada afirma que as actividades funcionan pero que «hai que seguir traballando», porque iniciar aos máis pequenos na lectura require esforzo.

—Que actividades fai na biblioteca?

—Temos moitas. Unha fixa dende o principio é a hora do conto, xente maior ven contar contos aos nenos. Temos visitas puntuais do colexio, viaxes culturais, teatro, visitas de escritores de cinco clubs de lectura.

—Cales son os cinco clubs?

—Temos un para adultos, no que antes da pandemia eramos 21 e agora reduciuse a 14, e outro para adolescentes. Ademais, para nenos hai o conformado por pequenos de entre seis e 10 anos, entre catro e cinco anos e para bebés.

—Como é un club de lectura para bebés?

—É o primeiro ano que o temos, ocorréuseme porque a min de pequena encantábanme os contos que me contaba a miña avoa. Así que é para nenos de cero a tres anos e son as nais as que lle contan os contos. A idea é que se familiaricen cun espazo cheo de libros e durante uns 15 ou 20 minutos relátanlle o conto, non máis para que non se cansen. Despois poden estar pola biblioteca e coller os libros que queiran. En total son uns 40 minutos. Está funcionando moi ben.

—É necesario comezar tan pronto no fomento da lectura?

—O ideal é que xa se familiaricen cos libros nos primeiros meses, con dous ou tres meses. Hai moitos recursos, como libros de tela e con texturas ou son que fan que os vexan como xoguetes. Se non empezan de pequenos é moito máis difícil que lean de maiores. En cambio se dende nenos o fan, aínda que na adolescencia o deixen, que adoita pasar, despois vólveno retomar. As veces tamén pasa que non len ata que chega un libro concreto que si que lles espera a curiosidade.

—Os nenos chegan solos á lectura ou é imprescindible achegarlla?

—Hai que traballalo. Ler require un esforzo polo que non é como outro ocio calquera. A labor dos pais é fundamental. A súa influencia é vital nos primeiros anos e incluso na adolescencia, aínda que nesa etapa hai moitos pais que xe non dan.

—Como se achegan os libros aos nenos?

—O libro ten que ser un entretemento, hai que buscar que vexan a súa emoción. Nós creamos unha serie de actividades lúdicas arredor do contido dos libros. Por exemplo, preguntamos con que personaxe lles gustaría ser. Ademais, procuramos escoller, no caso dos clubs, libros sinxelos, de fácil lectura e o traballo en grupo tamén é fundamental.

—E funciona.

—Si, hai en grupos que si que notamos que se está descubrindo o ocio da lectura. No grupo de 6 a 11 anos é marabilloso escoitalos. Pedimos os libros á biblioteca de Galicia, para todos o mesmo, e entre eles emociónanse moito falando. No club de adolescentes, por exemplo, estamos probando a que cada un leve a sesión un día e tamén funciona.

—Como cambia a infancia dun neno se o acompañan os libros?

—Os contos son fundamentais para desenvolver a imaxinación, entender o mundo e tomar conciencia.