Lista a «Guía do Románico da Ulloa»

Lugo LA VOZ

ANTAS DE ULLA

As autoridades posan coa «Guía do Románico da Ulloa» fronte á igrexa de San Cristovo.
As autoridades posan coa «Guía do Románico da Ulloa» fronte á igrexa de San Cristovo. CEDIDA

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, asegura que a publicación servirá para incentivar o turismo da comarca

17 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, presentou a «Guía do Románico da Ulloa», editada pola institución provincial, nun acto público celebrado este venres na igrexa de San Cristovo de Novelúa, en Monterroso, coa presenza de veciños e veciñas, e colectivos da zona.

Trátase dun novo tomo dun proxecto editorial máis amplo, «Lugo Románico», emprendido pola Deputación o pasado ano, e do que forman parte un total de catro volumes para dar a coñecer e poñer en valor o patrimonio deste estilo arquitectónico no conxunto da provincia.

O volume, do que a Deputación editou 1.000 exemplares, recolle información e fotografías de 55 construcións do románico de Monterroso, Palas de Rei e Antas de Ulla.

O presidente da Deputación subliñou que a guía do románico da Ulloa servirá para impulsar a comarca como destino turístico. Neste sentido, precisou que a publicación «forma parte da ampla estratexia que desenvolvemos para promover o noso rico patrimonio como un poderoso reclamo turístico, dunha enorme calidade e non masificado».

Ademais, Tomé estivo acompañado na presentación pola deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, os alcaldes de Monterroso e Palas de Rei, Rocío Seijas e Pablo Taboada, respectivamente; o delegado episcopal de liturxia de Lugo, José Antonio Ferreiro Varela, e o director do departamento de patrimonio histórico artístico, Jesús Salvador.