Omércores pasado honramos a Florencio, o Cego da Fontaneira, quizais o último dos cegos cantores de Galicia.
Na miña nenez, nas feiras e festas nunca faltaba un cego, acompañado dun neno ou rapaza, que mentres el cantaba e tocaba o violín, vendía as follas cos textos dos seus cantos que eran romances castos ou picantes, e ás veces relataban historias truculentas da Galicia ou da España profundas, sendo a única información que incidía no noso rural: espectáculo audiovisual que se completaba co texto escrito para espallar aquelas novas.
Arredor, formábase un circundo de xente ávida de saber, que só aboaba o ínfimo custe das follas de cores. Era a súa unha vida de miseria, non mellor ca a do seu público, e cantor e lazariño durmían en cuberto se cadraba, comían cando había e só foron recoñecidos cando xa son historia.
Florencio, dos máis notables, morreu hai trinta e sete anos. Non tiña onde caer morto, e foi sepultado de prestado no nicho duns amigos de A Fontaneira (Baleira), sen placa que o lembrase. Agora, por iniciativa da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, o Colectivo Egeria, o Concello de Baleira e a Xunta, unha placa no seu nicho acredita que «Florencio da Fontaneira, foi transmisor oral da nosa cultura e Lingua, nos escenarios naturais das feiras e romaxes, xograr popular de memoria imperecedoira».
As homenaxes hai que facelas en vida e sabemos que chegamos tarde, pero coidamos que Florencio, que nos ve cos ollos da alma desde o ceo dos galegos, sorrí agradecido de que, tantos anos despois, lle fagamos esta mínima xustiza aos 109 anos do inicio da súa difícil e culturalmente tan fructífera vida.