José Ramón Álvarez, veciño de Baleira: «Fago a malla para poder moer como se facía antes e ter pan para a casa»

MANUEL FERNÁNDEZ BALEIRA / LA VOZ

BALEIRA

Ten unha máquina que aínda funciona ben, acadou unha colleita de 300 quilos de cereal e compartiu con parentes e con amigos unhas horas de traballo e de lecer

21 ago 2023 . Actualizado a las 21:52 h.

José Ramón Álvarez ten 67 anos e recorda outros tempos. Aqueles nos que cada casa botaba o trigo que meses despois se segaba, se medaba e se mallaba son coñecidos por el, sen necesidade de acudir a festas que si fan a función de manter eses costumes e amosalos a xente nova. Pero el non queda na lembranza, senón que aínda garda costumes e oficios que viu e viviu.

Este veciño da parroquia da Degolada (Baleira), que se presenta e é coñecido coma o Ferreiro de Carballoguidín, organizou este venres unha malla na que o traballo foi acompañado de xuntanza e de xantar, como dita a tradición. Foi, por outra banda, o remate dun traballo que comezou en decembro do ano pasado, botando arredor dunha fanega de trigo.

Dous anos despois de xubilarse do oficio de condutor de autobús, no que traballou para unha empresa da Fonsagrada, comenta que a colleita non foi das máis boas e que a chuvia das primeiras semanas non resultou unha axuda. Aínda así, deu sacado uns 300 quilos, segados e medados sen axuda de xente de fóra. O destino do colleitado é o mesmo que tería noutros tempos: «Fago a malla para poder moer como se facía antes e ter pan para a casa», di. Porén, os tempos foron cambiando e xa non hai tantas aceas coma antano.

Tradicións

El quere manter os labores tradicionais, pero mesmo vai máis alá. Para desenvolver a malla sen depender de ninguén, ten unha máquina Campeva, que comprou hai anos. Na casa hai tamén tractor, segadora e atadora. A máquina de mallar ten un motor de 50 cabalos e funciona con gasoil. O depósito leva 20 litros, que serían suficientes para unhas dez mallas coma a súa.

A malla desenvolveuse o venres pola mañá. Arredor dunha hora chegou para dar completado o traballo, parando polo medio para mollar un pouco a gorxa e descansar, como se adoita facer nestes casos. Logo chegou o xantar, no que a carne de porco —lacón e cachola non podían faltar— tiveron o seu protagonismo. Para que o calor non atacase moito, preparouse tamén ensaladilla.

Reunión de amigos e veciños

O que se fixo como unha lembranza de traballos agrícolas de hai décadas ten a utilidade de garantir pan de cuxo sabor non se dubidará. José Ramón Álvarez di que tamén lle gusta organizar a malla porque así xúntanse os que o resto do ano non se poden ver porque moitos están fóra. Aínda faltan meses para que comece unha nova colleita, pero semella bastante probable que a haxa e que no 2024 se volva mallar na súa casa.

O mantemento da máquina de mallar non esixe especial preocupación: abonda con acendela de cando en vez e con tela ben engraxada para que funcione cando se ten que usar. O que non hai neste caso é vontade de ir a outras casas coa máquina, como si se facía antano, para mallar colleitas doutros. José Ramón Álvarez aceptaría que outros fosen onda el e lle pedisen que lles preparase o trigo canda o seu, pero non quere mover a máquina da súa casa. 

Xuntanza na parroquia

A malla deixouno contento porque se xuntou máis dunha ducia de persoas e se viviu un ambiente que non se consegue o resto do ano. «Xa non van quedando festas», comenta sobre as consecuencias da emigración e da perda de habitantes no seu concello, non moi diferente a outros moitos de Galicia. El, por outra banda, ten unhas vacas de carne, ademais de becerros e un touro. Afirma que iso é sobre todo «un hobby que dá moito traballo», pero a malla permítelle tamén ter palla que empregará nas cortes.