Escoitei a un especialista dicir pola radio que o terremoto de Italia fora especialmente brutal, xa que ao estar o epicentro a só catro quilómetros de profundidade, era especialmente agresivo para o contorno, e tranquilizaba á audiencia porque se ben Italia está nunha zona especialmente sísmica, España a priori non ten maiores problemas.
Iso fainos lembrar que hai cousas das que case nada sabemos, e coas que nada podemos. E diante dun tornado, tormenta ou terremoto, non temos máis capacidade de reacción que a de atender aos afectados, curar os feridos e enterrar aos mortos.
España será zona teoricamente non problemática a efectos de terremotos, pero lembramos que hai vinte anos sufrimos unha serie de seísmos con epicentro na zona de Becerreá que produciron alarma en toda a provincia, especialmente na capital, xa que un deles botounos á rúa, aterrorizados polos máis de cinco grados na escala de Richter.
Daquela houbo especulacións de que tales movementos puideran ser producidos polo peso da auga do embalse de Belesar, que afectase ás placas tectónicas do sochán, alterando a súa estabilidade. Pura especulación. Prever terremotos evidénciase polo de agora labor tan infrutuoso como o de paliar tormentas e controlar furacáns, e toda prevención, polo de agora, posiblemente igual de eficaz ca as antigas rogativas para pedir a choiva, ou botar os santos ao río, mergullados como castigo por non dar aplacado as choivas furiosas.
Agora, tocoulle a Italia nesa dramática lotería da que os lucenses, afortunadamente, non coñecemos máis cá pedrea, pero que nos deixou moi aqueloutrados.