Recortes educativos en Becerreá

Andrea Valle

BECERREÁ

24 nov 2021 . Actualizado a las 13:06 h.

O meu nome é Andrea Valle, unha muller de aldea. Nacín na aldea, medrei na aldea.

Todo o relevante e importante na miña vida nace, reside e provén da aldea. É dicir, as miñas raíces nútrense da aldea. Como é de esperar, estudei na aldea. Fun estudante do IES de Becerreá e nel, medrei. Medraron os meus coñecementos, os meus sentimentos e medrou en xeral a miña vida, todo grazas ás persoas que habitaban aquel edificio durante os cinco días lectivos. Para min eramos moitos en clase, uns 20 e pico, o que para calquera persoa de cidade é entre pouco e nada. Eses 20 e pico fomos capaces de medrar coma calquera outros e, sobre todo, o feito de non ser 30 ou 40 nunha clase permitiunos recibir unha docencia excelente e, desde o meu punto de vista, privilexiada. 

Sempre fun muller de letras, polo que a miña escolla nas optativas do bacharelato estaban bastante claras: latín, grego e francés eran as miñas prioridades. Recentemente entereime dos recortes que está sufrindo o meu instituto, o instituto que me permitiu medrar como persoa, o que me axudou academicamente a superar moitas máis dificultades das que quixera. As humanidades no IES de Becerreá perigan e con elas, os seus docentes.  Non me podo imaxinar que tería pasado se non houbera podido escoller estas materias. Tería que marchar, soa, a unha cidade estudar bacharelato para poder seguir o meu soño de ser filóloga? A miña economía familiar permitiríamo? A miña saúde física e mental podería aguantalo? Ou pola contra, renunciaría ao meu soño, estudaría ciencias, fracasaría academicamente e probablemente recaería nunha depresión?

A isto é ao que nos levan os recortes educativos, xa sen mencionar o despido improcedente dos docentes que levan anos coidando de nós. Isto é unha vergonza, e a demais de ser infinitamente triste, é real. Porque ademais, debaixo de todos estes recortes escóndese unha ideoloxía e un prexuízo que pretende reafirmar que a aldea vale menos. E eu négome a que iso cualle nos nosos nenos e nas nosas nenas. A calidade de vida que poden ter aquí é un luxo, que polo visto, se non é para fins turísticos non vale a pena.

Lembro as miñas aulas de grego, nas que eramos dúas. Tamén as de francés, que por certo, tamén eramos dúas. Foron as aulas máis produtivas da miña formación. Podería ampliar a miña argumentación, pero creo que os feitos falan máis cas palabras. Se cadra, en vez de eliminar docentes e denigrar a educación pública, o que deberan é contratar máis docentes, ampliar as oportunidades e apostar polo público.

Con infinito cariño, Andrea Valle, unha alumna orgullosa.