Crecente Vega, un poeta no silencio

XOSÉ A. POMBO

CASTRO DE REI

Crecente Vega foi párroco en Narón despois de ser ordenado crego.
Crecente Vega foi párroco en Narón despois de ser ordenado crego.

Este ano cumpríronse 75 anos da morte dun autor de fonda formación humanista, coñecido pola obra «Codeseira»

31 jul 2023 . Actualizado a las 22:42 h.

Vai para tres meses que se fixeron setenta e cinco anos do falecemento do poeta Xosé Crecente Vega. Dende o seu descanso ao pé da parroquial da Ponte de Outeiro (Castro de Rei), no corazón da Terra Chá, tendo por veciñas as augas do pai Miño que o viran nacer en 1896, as súas palabras deberían soar sucesivas e reiteradas por toda a comarca chairega.

A data pasou en silencio. E así o feito, o estudoso, poida que curioso, non deixa de recordar outro vate que meditou sobre o pasaxeiro da voz dos poetas. Parafraseando o que noutrora se dixo poderiamos formular preguntas retóricas demandando ao Bóreas, ao Céfiro, ao Noto ou ao Euro que nos recordasen os cantares dos poetas de antes, as miradas dos poetas de antes, os sentimentos dos poetas de antes.

E poida que a resposta estea presente nos aires chegados canda os catro ventos. «Cantan e semellan estar sós, miran e semellan estar sós, senten e semellan estar sós». Nin os aires da Terra Chá nin as augas do Miño marchan en silencio. Resoan palabras aprendidas na familia e colocadas segundo as artes estudadas en Mondoñedo.

E recoñecemos en Crecente Vega a tradición latina cando canta á natureza: «Que ben as ondas que co vento vén e van/ pola tona das agras inundadas de pan!/ Que ben na cabeceira dunha terra labrada/ un arado durmindo e unha grade deitada!».

Recoñecemos un intimismo filosófico propio do sabio que medita: «Din que no'hai dor que o corazón no'aguante,/ que ninguén morre astra que está de Dios;/ i é certo; mais que seña a tropezós,/ vai un andando pola vida adiante».

Recoñecemos a visión dos traballos dos homes e da vida diaria: «Desfixéronme o camiño/ co'esta carreteira nova./ Desfixéronme o camiño,/ por onde hei de andar agora?/ Xa non ten a miña alma/ por onde ir buscando sola/ os rastros que foi deixando/ pola vella corredoira».

Recibidas as palabras de resposta, seguimos parafraseando. Crecente Vega cantou alto e hoxe nós oímos o que oíron outros oídos. Mirou alto e vemos o que viron outros ollos. Latiu alto e sabemos que circula o noso sangue. Non é mellor o poeta no sartego esquecido. O seu canto ascende dende o máis fondo cando, aberto no aire, xa é coñecido e espallado por toda a Terra Chá. Chegados a este punto, ben paga a pena unha pregunta: Non merece o poeta ser lembrado e homenaxeado no Día das Letras Galegas? Esperemos que no vento veña unha resposta.

 

nado na terra chá e enterrado nela

Orixe. Xosé Crecente Vega naceu na parroquia de Outeiro (Castro de Rei) en 1896.

Formación. Estudou no Seminario de Mondoñedo. Fixo estudos de Filosofía e Letras, que rematou na Universidade de Salamanca.

Docencia. Foi catedrático de instituto, primeiro en Antequera (Málaga) e despois en Segovia. Nesa cidade castelá morreu (1948).

Volta. Os seus restos foron trasladados á súa parroquia natal en 1998.

Recoñecemento. Unha aula do Seminario de Mondoñedo leva o seu nome.