Eugenia cumpre este sábadocen anos rodeada dos seus. Segue debuxando coa mesma ilusión da rapariga que aprendeu a escribir cun pizarrillo nas lousas da súa aldea
18 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Cada vez é máis frecuente atopar persoas que celebran o seu cen aniversario. Pero non é tan frecuente que os cumpran en perfecto estado de saúde física e mental, escribindo todos os días e debuxando. Iso é o que fai Eugenia Castro Caldeiro, que nas últimas décadas debuxou todos os días. Mentres o seu fillo Xoán Vila fai bocexos para as súas obras escultóricas, ela fai debuxo artístico. Case sempre a bolígrafo, e con motivos xeométricos, que van formando unha bonita colección de blocs de debuxo. Este sábado celebrará unha festa con toda a familia, e ademais de felicitala, poderán gozar dunha pequena colección dos seus debuxos que estará exposta no restaurante.
—Eugenia, como foi a súa nenez?
—Nacín en Espasande, unha aldea moi bonita do Concello de Castroverde, na casa de Castro. Alí criámonos sete irmáns, catro mulleres e tres homes. Como a casa era grande, o traballo agrícola e gandeiro non faltaba pero tampouco que comer. Fun afortunada porque na nosa casa nunca pasamos fame, nin sequera nas épocas máis duras da guerra e da posguerra.
—E como ve o mundo de hoxe en comparación co que vostede viviu hai un século?
—Ufff, aprendín a escribir cun pizarrillo sobre unha lousa no colexio e cando ía coas vacas escribía en calquera pedra que atopaba por alí. Hoxe isto non se cre (ri). Hai papel de todas as clases e gramaxes, ordenadores… O carro e as vacas aínda me parece que os estou vendo hoxe pero diso non queda nin rastro. Menudos tractores hai hoxe polas pistas! ¡Como pasou o tempo, meu Deus. Tempos aqueles! A xente tamén cambiou moito. Falas con calquera e ves que están preparados, teñen estudos, moitos máis ca nós. A verdade é que hoxe en día vívese moito mellor ca antes.
—E como viviu o traslado dende a parroquia de Espasande, en Castroverde, á de Romeán, en Lugo, onde pasou a meirande parte da súa vida?
—Pasei a infancia e xuventude en Espasande. Alí fun á escola e axudei nas tarefas da casa. Os veciños sempre dicían que eu era moi traballadora. ¡Ata levantaba as pedras que caían dos valados! Pero a min gustábame moito ir á escola. Tiñamos un mestre andaluz e aprendín moito con el. Pouco a pouco fun medrando e cando fun moza namoreime do meu home, José Vila, e con el viñen para Romeán, onde vivín dende aquela.
—E adaptouse ben en Romeán?
—¡Si! (di rotunda). Foi unha etapa moi feliz da miña vida porque naceron os meus nenos. O meu home era o carteiro de Romeán pero o pobre estivera na guerra civil de principio a fin e iso provocoulle unha enfermidade da que nunca se recuperou totalmente. Pasou moitos anos no hospital de Calde e morreu novo, ós 66 anos. Unha pena moi grande.
—Eugenia, que é o máis importante da vida para vostede?
—O máis importante é a saúde e a familia. Eu sempre tiven saúde, grazas a Deus e digo isto porque eu son crente e practicante. Cando podía ía á misa todos os días. E despois da saúde o máis importante é a familia, a unidade familiar. Estou moi contenta e feliz por levarme ben con todos os meus. E tamén cos veciños, sempre os apreciei moito e penso que eles tamén a min.
—E cal foi o momento máis feliz da súa vida?
—Pois voulle dicir dous: cando naceron os meus fillos e formamos unha familia moi bonita da que estou moi orgullosa, e cando aprobei a oposición a Correos. Convertinme en carteira e fun moi feliz porque me gustaba moito o trato coa xente.
—E, pola contra, ¿que lembranza lle doe máis?
—Doeume moito a morte do meu home e dun fillo de sete meses (di con bágoas nos ollos)
—Pero vostede é unha muller loitadora e optimista. Que é para vostede a felicidade?
—Pois voulle dicir; para min é levantarme cada día en paz comigo mesma e cos que me rodean, querendo a quen me quere. Iso é moi grande e doulle grazas a Deus por esa sorte que teño.
—Cónteme unha anécdota que recorde especialmente
—¡Si, oh! Teño moitas porque claro, teño moitos anos. Recordo con moito cariño os consellos dos meus pais, o ben que me fixeron, e tamén os seus coidados… E lembro as viaxes do Imserso e o fácil que era facer amizades alí. Paseino moi ben viaxando. Outra anécdota bonita é da miña etapa de carteira: viñan persoas mandar cartas e querían que llelas escribira eu porque dicían que redactaba ben e que tiña unha letra moi bonita. E bueno, a miña afección por ler tamén a lembro. Eu ía polos camiños ou rúas, atopaba un papel e tiña que lelo. Sempre me gustou moito ler. E daquela tamén me gustaba moito recibir na casa á xente que viña das Pontes e de Ribadeo tomar as augas medicinais á fonte de Udreiro. Comían e durmían na nosa casa e pasabámolo moi ben. E logo, claro, co meu home tamén teño moitas lembranzas, por exemplo os momentos tan bonitos cantando e tocando as frautas que el facía. Foron tempos marabillosos.
—Para rematar a entrevista, Eugenia, quérelle dicir algo aos convidados que van celebrar con vostede o seu 100 aniversario?
—Claro que si. A todos os que me coñecen mándolles un saúdo e, especialmente, aos meus familiares e amigos, co maior cariño da miña parte o día do meu 100 aniversario. E moitas grazas a todos, de Eugenia Castro.
Carta a Eugenia
Marga Blanco
Quixeches nacer tal ano coma este do século pasado, así que es unha fermosa centenaria.
Foi en Castro Espasande, Castroverde, onde viches a luz por vez primeira. E tamén alí comezou o teu idilio coa literatura, co debuxo, coa arte.
Nesas horas tranquilas, gañadas ó traballo cotián, mentres pastoreabas as vacas e as ovellas o teu maxín de nena de aldea rebulía. Subía polos cómaros e enguedellábase nas silveiras onde tinguías os dedos de amorodos. Alí, aquel espazo pequeno que era o teu mundo medraba e mudaba cada día coas liñas dos teus relatos infantís.
Alí agromou a túa vis creadora de historias e momentos. Alí naceuche o corazón de artista que temperaría para sempre o teu latexo e te levaría compasada polos vieiros da vida.
Os teus ollos escuros e serenos capturaron as imaxes dunha historia intensa e longa, amable e dura por momentos, plácida ou arrepiante outrora. Nunca claudicaches e nada te venceu. Nin
a guerra civil nin a longa enfermidade do teu home. Nada. Ás arremetidas da vida respondiches con coraxe, ás incertezas, con serenidade e ás obrigas que a realidade fixo túas, con determinación e resiliencia.
Alumaches os momentos escuros coa túa luz poderosa e convertiches as dificultades en novos horizontes que esculcar. E en todo a túa dozura e esa intelixencia emocional que sempre te fixo puntal do fogar e referente moral dos teus fillos, Xoán e Fernando.
Hoxe, cos teus cabelos ondulados e as mans áxiles e hábiles, continúas enchendo as noites de inverno co teu enxeño, cos teus debuxos e coa túa paz. O longo camiño percorrido non mudou a túa curiosidade de nena e continúas tecendo unha rede amorosa ao teu redor coa constancia que marcou a túa vida. E aí, en Romeán, onde pasaches décadas de loita e alegría, segues regalando a túa alma sensible e xenerosa mentres che parece ouvir ao lonxe os ladridos dos teus queridos Chío e Bronn que rebulían eufóricos cando entrabas pola porta logo de levar as cartas ás portas alleas ou de gañar o título de veloz apañadora de patacas.
Querida Eugenia, Xoán e Fernando danche as GRAZAS. Polo teu exemplo, por ser a mellor nai do mundo e por encher as súas vidas de amor e esperanza. O teu ar bondadoso sempre os manterá en pé, dignos e firmes como a túa vontade. Ti fuches a súa guía, es o seu camiño e serás sempre a súa meta. E por sempre o teu amor moverá os seus corazóns, que son teus, como deles é o teu.