A festa do libro

| VÍCTOR F. FREIXANES |

CERVANTES

DÚAS EDITORAS galegas cumpren vodas de prata: Edicións Xerais de Galicia, que as celebra no mes de xuño, e Sotelo Blanco Edicións, que as anuncia para estes primeiros días de maio. Vintecinco anos editando libros. Libros en lingua galega. Unha e outra comezaron a camiñar contra finais do ano 79, aínda que estabilizaron a súa andaina no ano 1980. Non é mala ocasión o Día do Libro, memoria de Shakespeare e de Cervantes, para celebrar o acontecemento. O sistema editorial galego ten xa unha madurez obxectiva. A día de hoxe a Asociación Galega de Editores, fundada en 1983, reúne 32 empresas privadas, que representan o 90 por cento do comercio do libro (maioritariamente en galego). Poucas quedan fóra da asociación. A estas hai que engadir a edición pública (institucións, fundacións, universidades, administración), que asume unha actividade complementaria, útil e necesaria. O conxunto é un sistema de vasos comunicantes. No ano 2003 solicitáronse 1.484 ISBN para publicar na nosa lingua. ¿Moito ou pouco? Segundo o queiramos ver, como digo sempre: a botella pode parecer medio chea ou medio baleira. Hai 25 anos, cando Xerais e Sotelo Blanco empezaban a andar, editáronse 175 novidades en galego. Podemos dicir que case multiplicamos por dez o crecemento. Hai 25 anos o libro galego era unha trincheira de resistencia. Non digo que deixase de selo. O editor de cultura ten moito de trincheira e moito de resistente (sempre foi así) e o editor galego é básicamente un editor de cultura. A nosa forza está no futuro: un país libre, consciente do seu, ilustrado, informado, moderno, capaz de dispoñer do seu propio discurso (e dos seus propios recursos). Cada lector é un cidadán crítico, que accede autónomamente á información e ao coñecemento. Facer lectores é facer futuro. Eis a razón principal do noso traballo, da nosa ilusión e do noso esforzo. Cada día saen dos nosos talleres catro ou cinco libros en lingua galega. ¡Catro ou cinco títulos diarios! Abofé que non é pouco. ¿Que podiamos os editores peneirar algo máis a oferta e facela máis selectiva? De acordo. Como sucede en todas as literaturas. ¿Que os lectores non medran como deberían medrar e queda moito camiño por diante? Tamén. ¿Que podiamos agardar algo máis destes 25 anos, se nos comparamos con outras realidades próximas, vascos e cataláns, por exemplo? Aínda estamos a tempo. Hoxe quero poñerme do lado optimista. Xerais e Sotelo Blanco, Sotelo Blanco e Xerais, os nosos amigos, os nosos compañeiros de viaxe, os nosos forneiros do pan da cultura, que gosta dicir Manuel Bragado, cumpren 25 anos, e non todo o mundo chega ás vodas de prata con esa dignidade e con ese entusiasmo. O primeiro libro de Xerais foi un libro de Matemáticas, asinado polo colectivo Vacaloura, para o bacharelato. Xa se debuxaba daquela o horizonte estratéxico da editora, que orientou os seus primeiros pasos cara ao ensino e os proxectos educativos. O primeiro libro de Sotelo Blanco foi un libro de poesía, de Manuel Casado Nieto, Vendima . Hoxe o catálogo de Xerais anda polos dous mil títulos e o catálogo vivo de Sotelo Blanco ten case un milleiro de referencias. En conxunto, a edición galega presenta na actualidade arredor de 7.000 títulos nas librerías. Para os dous, ademais da nosa gratitude e da nosa solidariedade, os nosos parabéns.