
As familias da parroquia de Vilarello custearon integramente a reparación do templo
17 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A unión que sempre caracterizou as aldeas, ese forte sentimento de comunidade, por sorte aínda non se perdeu. Demóstrano os veciños da parroquia de Vilarello, no concello de Cervantes, que conseguiron restaurar a igrexa con moito esforzo e amor ao patrimonio. Contan que cada unha das familias da parroquia aportou 700 euros para darlle vida a un templo que dende hai anos pedía auxilio. «Non se podía nin subir ao coro, chovía dentro, había goteiras, non había luz... estaba toda deteriorada», explica o cura, Ramón Gutiérrez.
A igrexa de Santa María de Vilarello loce mellor dende que se reformaron as cubertas, tanto as lousas como as madeiras, os muros exteriores e interiores, o coro, o presbiterio, as ventás; se fixo a escaleira de acceso ao templo en granito e se restauraron os tres retablos barrocos, que datan dos séculos XVII e XVIII. A restauradora encargada, Vania López, destaca que «os traballos son moi bos e, especialmente as tallas, marabillosas». «Sorpréndeme atopar unha obra desta calidade na montaña, porque se precisaron tallistas, ebanistas, doradores e policromistas e non me resulta doado imaxinar cal puido ter sido, por exemplo, o emprazamento dos gremios, nun lugar que en principio estaría illado», engade. Pero o que máis lle chamou a atención a Vania López, confesa, é que os traballos estean custeados integramente polos veciños. «É a primeira vez que vexo algo así. En xeral pode haber cartos procedentes de comunidades de montes, pero isto resúltame insólito», di a restauradora, que cumpre un ano de traballo en Vilarello, interrompido nos meses de inverno porque frío afecta ao secado dos produtos.
Ademais de Vania e Ramón, e de todas as familias que puxeron o seu gran de area, detrás desta curiosa reforma hai outros nomes que merecen ser mencionados. A placa conmemorativa que onte se presentou durante a inauguración do templo —«en agradecemento ás familias da parroquia pola súa contribución á restauración da igrexa», así comeza— ten gravado o nome de José Valcarce e da súa muller, Adelina Freijo, propietarios da rede de estacións de servizo Valcarce. O empresario, natural da aldea de Vimieiro, levaba anos ofrecendo a súa colaboración e foi quen realizou a maior achega económica para reformar a igrexa.
Xunto ao nome de José e de Adelina, lese tamén na placa o de Ofelia Fernández. Unha veciña de 82 anos, cunha vitalidade envexable, que xestionou toda a obra, dende os trámites da diocese ata a contratación dos operarios. «Xa non estou para andar polas casas, pero animáronme e non me quedou outra», relata a muller entre risas. «Hai que amañala, insistía, e non parou de facer viaxes ao Bispado, onde ao chegar xa a recoñecían pola voz», recorda tamén o cura Ramón Gutiérrez. Ofelia, que viviu durante 64 anos en Barcelona, nunca se esqueceu da súa terra: «Coñecín xente emprendedora da que aprendín moito e sempre tiven interese en tirar pola aldea». Nin falta fai que o diga, pois aos seus máis de 80 anos foi ela quen percorreu as casas pedindo a colaboración dos veciños, quen se desprazou pola provincia onde fixo falta e quen falou cos traballadores, dende arquitecto ata carpinteiros, para que a obra se levase a cabo. «Cando cheguei ao Bispado, o responsable díxome que lle soaba esa igrexa, porque o proxecto xa estaba presentado dende o 2014», explica Ofelia. Pero non foi ata un par de anos cando deron comezo as obras que agora reviven a igrexa de Vilarello e que onte se presentaron ao público de xeito oficial. No acto estivo presente o cardeal Antonio María Rouco Varela, tío do bispo Alfonso Carrasco Rouco, cuxo nome aparece tamén na placa.
Ofelia non dubida nin un intre en destacar a colaboración dos veciños. «Ninguén puxo ningún problema por nada», confesa. E explica que na propia aldea de Vilarello incluso foi o alcalde de Cervantes, Benigno Gómez, quen lle axudou a pedir e quen participou coma un veciño máis, e tamén na placa conmemorativa vai o seu nome.
Tamén esta muller, igual que os seus veciños, se mostra enormemente agradecida aos profesionais que lle devolveron á luz a este tempo de Os Ancares. Fala con orgullo do arquitecto, Jesús Bouza; do construtor, José Luis (ten a empresa na aldea de Riocereixa); dos carpinteiros, Manuel Marcos e Diego Marcos; do electricista, José Manuel Núñez (da aldea de San Miguel); da restauradora, a xa mencionada Vania López; e do cura, Ramón Gutiérrez. «O cura é moi boa persoa, da moi ben as misas e canta aínda mellor», conclúe Ofelia co bo humor que a caracteriza.