Enrique Barreiro, nº8 do PP de Lugo: «Quero axudar a mellorar a vida das persoas que viven do sector agrario»

Suso Varela Pérez
suso varela LUGO / LA VOZ

FRIOL

Enrique Barreiro, del PP
Enrique Barreiro, del PP cedida

O tenente de Alcalde de Friol é unha das novidades que terá a provincia lucense no Parlamento Galego

20 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A carreira política de Enrique Barreiro Sánchez (Friol, 1989) cada vez cobra máis protagonismo, logo de que no ano 2019 entrase na corporación municipal de Friol, sexa na actualidade tenente de Alcalde e desde o pasado domingo, xa deputado eleito ao ir de número 8 na lista do Partido Popular na provincia de Lugo, xusto o último parlamentario elixido.

Trátase da gran novidade da candidatura dos populares lucenses. Enrique Barreiro é licenciado en Administración e Dirección de Empresas pola USC e mamou desde neno a gandería, xa que os seus pais teñen unha granxa na que sigue axudando a traballar, na parroquia de Ramelle. Onte mesmo agradecía nas redes sociais o apoio recibido: «Moitas grazas a todos pola confianza depositada neste gran partido para conseguir este gran resultado e así lograr que Friol siga avanzando, Lugo siga avanzando e Galicia siga avanzando».

—Como empezou a súa faceta política e que lle animou a entrar en política?

—Entrei en política no 2019 coa idea de seguir mellorando e loitando polo rural galego. Creo que hai moitas cousas por facer por esta terra galega e animeime a entrar en política. E por outra parte, metinme porque confío no proxecto que me presentou o alcalde de Friol, José Ángel Santos, que é o artífice de que estea na política, e ao que estarei eternamente agradecido.

—Como asume o de haber sido elixido deputado do Parlamento?

—Pois creo que a nivel persoal é algo bonito e unha honra, aínda que tamén sei que será un traballo sacrificado porque se ten que compaxinar coa vida familiar. Penso que será algo gratificante e vou con ilusión por axudar a mellorar a vida das persoas que vive do sector agrario en Lugo e en Galicia..

—Dá o salto da política municipal á galega. Que pode aportar?

—Pois defender o rural lucense e galego, para min é o principal. Necesitamos entre todos apostar polo rural para que teña o mellor futuro posible. Meus pais son gandeiros e lles axudo na granxa, co que se cales son os problemas que teñen as persoas que vive do campos en Galicia, e creo que podo aportar a miña experiencia para conseguir que vivir do campo sexa algo atractivo, se poda traballar con calidade de vida e contribúa a manter ou gañar poboación.

—Logo lle gustaría ser a voz da gandería e da agricultura no Parlamento, un sector que sempre está en crise?

—Meus pais teñen unha granxa, que xa tiveron os meus avós e eu sigo traballando, coa cal sei de primeira man que se necesita no sector e cales son as demandas do día a día.

—Que tarefas quere levar a cabo?

—Hai que constituír a comisións, pero eu polo meu perfil creo que podo participan nas que teñan que ver con agricultura, gandería e montes.

—E ten ideas que podería trasladar no Parlamento?

—Si, pero as medidas que se fagan para o rural galego teñen que ser debatidas. Eu pola miña parte levarei a voz do rural.