Paseata arredor da vida

| VÍCTOR F. FREIXANES |

LÁNCARA

TEÑO DIANTE de min unha fotografía realizada durante unha excursión a pé polas montañas do Cebreiro, contra os primeiros anos 60, na que se ve un grupo de escritores entre os que aparece, apoiado nun caxato, Domingo García-Sabell. Ao seu carón, Francisco Fernández del Riego, Celestino Fernández de la Vega, Ánxel Fole e, algo máis retirado, detrás de Fole, Ramón Piñeiro. Del Riego adica un capítulo enteiro a estas paseatas de amigos polas serras da Galicia interior, na nova entrega das súas memorias, Camiño andado, que espero que poidamos ler contra finais de ano. García-Sabell viña de incorporarse recentemente ao grupo, da man de Ramón Piñeiro, con quen establecera unha forte amizade, a pouco de chegar o de Láncara a Compostela, amizade que había de durar toda a vida. Coma noutros casos, a figura de Piñeiro está detrás da biografía galeguista de García-Sabell, o intelectual e o amigo. Falta se acaso unha persoa, Rof Carballo, para termos nesa fotografía o grupo cerrado de «ensaístas», mestres do pensamento e da palabra, que configuran o núcleo inspirador do proxecto Galaxia nesa época. Refírome ao xénero ensaístico, especialmente querido por todos eles e cultivado con extraordinaria mestría por García-Sabell. Ánxel Fole, xunto con Álvaro Cunqueiro, e máis tanxencialmente Blanco Amor, representan o discurso da ficción, a narrativa: relato breve e novela. Son (digámolo así) os alicerces ou referencias desa xeración. Lin a García-Sabell por primeira vez no ano 76: o seu ensaio sobre o erotismo. Interesáronme tres cousas: a maneira moderna e intelectualmente desinhibida coa que abordaba un tema que naquel momento raiaba os tabús sociais e aparecía especialmente contaminado por todo tipo de prexuízos morais, relixiosos e mesmo políticos; a dimensión universal, non localista, no seu pensamento, que o homologaba con calquera outro discurso das literaturas contemporáneas de Occidente, e o seu coidado e moi consciente estilo, señor da palabra, coma dixen máis arriba, sabedor do que a palabra significa na construcción do pensamento e a identidade dos individuos e das sociedades. «Definir (nomear, poderiamos dicir nós) equivale en certo senso a ser titular, a ser dono daquelo que se define, daquelo que se deixa penetrar no colo das palabras intelixibles», escribe. Coas palabras nomeamos a realidade, identificámola, e identificándoa accedemos ao seu coñecemento, apreixámola, coma Adán no Paraíso. Contra finais do ano 98 tiven ocasión de promover a edición en castelán (Alianza Editorial) de Paseata arredor da morte, que Carlos Casares preparaba en galego para Galaxia. Foi o seu derradeiro traballo. Xa el notaba dentro de si os principios da enfermidade. Volvín estes días sobre o texto. O lector ten nas mans unha xoia do pensamento. Pensamento galego e pensamento universal, aberto, que non doutro xeito pode entenderse a nosa cultura (calquera cultura). ¿Un testamento? Non exactamente. Polas mesmas datas editei outro libro magnífico, aínda que moi distinto, de Cardoso Pires, A morte branca, no que o escritor portugués narra a saída «miragrosa» dun derrame cerebral que o tivo fóra do mundo durante varios días. García-Sabell propónnos unha viaxe pola gran experiencia humana, a experiencia inconmutable, intransferible, da morte física, cunha lucidez, unha intelixencia e un rigor conceptual estremecedores. A morte capturada. A morte comprendida. O misterio universal da morte. Unha maneira de afirmar ata o final a alegría de vivir.