Guitarra para lembrar 50 anos do regreso do mestre Bal y Gay

Suso Varela Pérez
suso varela LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

Samuel Diz ofrecerá hoxe unha actuación en homenaxe ao músico lucense e presentará unha peza inédita

27 may 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Jesús Bal y Gay (Lugo, 1905-Torrelaguna, Madrid, 1993) regresaba do exilio a España en 1965 trala súa xubilación como investigador do Instituto de Bellas Artes de México. Xunto a el viña tamén a súa dona, a pianista Rosita García Ascot. O seu regreso foi oculto polas autoridades franquistas da época. Para lembrar estes 50 anos, a Semana do Corpus de Lugo renderalle hoxe unha homenaxe cun concerto que ofrecerá o guitarrista galego Samuel Diz, a partir das 20.30 horas na Casa do Saber e con entrada libre.

Diz fará neste marco unha «estrea histórica», unha nova recuperación do musicólogo Leopoldo Neri. Trátase do inédito Scherzo para guitarra (ca.1933) do guitarrista burgalés Regino Sainz de la Maza (1896-1981), íntimo amigo de Lorca (para quen escribe os seus poemas dedicados á guitarra), e a quen o propio Bal y Gay dedica a súa Pastoral para guitarra, que Diz gravou no disco Guitarra clásica galega.

Na memoria dos organizadores do festival lucense e do propio Diz está a histórica data do 18 de xuño de 1973. Ese día, na igrexa de San Pedro de Lugo, púidose escoitar a obra de Bal y Gay Serenata (1942), dentro da cuarta edición da Semana do Corpus, baixo a batuta de Rafael Früehbeck de Burgos coa Orquesta Nacional de España.

Mítico concerto en Lugo en 1973

Aquel concerto, ao que asistiu Luís Seoane, amigo persoal de Bal y Gay, supuxo un acontecemento para o momento cultural da época. O poeta e catedrático lucense Claudio Rodríguez Fer foi testemuña daquela actuación quen sinalaba: «A miña asistencia, impresionada e emocionado, ao concerto na igrexa de San Pedro de Lugo absolutamente ateigada de público, foi tanto debida ao consello do meu vello amigo Ánxel Fole como ao meu fervor por descubrir a entón aínda oculta cultura da diáspora. Lembro entre o público a Celestino Fernández de la Vega, gran valedor de Bal, e a moitos intelectuais que daquela eu non identificaba (Álvaro Gil, Luís Seoane, Domingo García-Sabell, Xosé Filgueira Valverde). Para min foi un concerto iniciático». A Semana do Corpus proseguirá pasado mañá con outra cita estelar, neste caso o concerto do pianista Ivo Pogorelich, que ofrecerá temas de Liszt, Schumann, Brahms e Stravinsky. Será no Círculo, que se prevé abarrotado de xente, a partir das 20.30 horas.