O Medio Ambiente, tema central da UNED de Lugo para este curso

TANIA TABOADA LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

Carlos Castro

Entre as novidades están: a titoría de investigación e o programa mentor para novos estudantes

16 sep 2019 . Actualizado a las 15:56 h.

Arranca o curso 2019-2020 e o centro asociado da Uned en Lugo ten preparadas múltiples actividades para todos aqueles que desexen seguir formándose. O sete de outubro comezan as clases e dado que as instalacións se atopan ás aforas da cidade, desde o centro ideouse a montaxe dun punto de información no casco urbano da capital para orientar e axudar ao futuro estudante na realización da matrícula e en todo o que precise. Estará ubicado no centro de Novas Tecnoloxías, na Praza Anxo Fernández Gómez (detrás da Casa Consistorial).

Se o ano pasado a estratexia de centro estaba centrada en temas relacionados coa muller, este ano versará sobre o coidado do medio ambiente, en traballar para ser mais respectuosos coa contorna e en concienciar á sociedade da importancia de comprometerse con estes obxectivos de desenvolvemento sostible.

Baixo o lema «Uned Lugo Natural Mente», desde o centro estase a traballar no deseño deste tipo de actividades medioambientais e na realización dun simposio que se programará para finais de ano. Está previsto que nel interveñan grandes referentes no coidado do medio e do seu estudo para poñer á provincia de Lugo no centro da loita para o desenvolvemento sostible. Seminarios, cursos, conferencias, charlas informativas, programas para facer un centro mais sustentable, que a pegada de carbono sexa menor, campañas para promover reciclaxe, colaboracións con asociacións como Adega... figuran na actividade clave do centro para este curso.

O programa mentor para novos estudantes e a incorporación dunha profesora titora de apoio á investigación son outras das novidades para este curso. Nesta docente recaerá o cometido das materias de traballo de fin de grado e de fin de Máster, onde moitas veces os estudantes descoñecen a metodoloxía. Esta profesional ofrecerá unha hora semanal de titoría para orientar a estes alumnos nesta tarefa. Ademais, e de xeito paralelo, desenvolveranse dous cursos relacionados coa elaboración dun traballo fin de grado e con ferramentas para a investigación.

Ademais, este curso incorporará aos titores conselleiros, que son titores voluntarios que ao longo do curso orientarán e axudarán especialmente aos novos estudantes da Uned no seu camiño da súa titulación. Dentro do plan, tamén haberá alumnos mentores, aqueles de cursos superiores que voluntariamente colaborarán na orientación de compañeiros dos primeiros cursos.

Pensando nos mais maiores, o centro da Uned en Lugo oferta asignaturas para persoas que teñan mais de 55 anos. Son inglés básico e inglés intermedio e este ano impartiranse os xoves pola mañá. Os centros de Sarria e Viveiro seguirán impartindo as súas materias. No caso da primeira impartirase literatura galega e inglés básico. No caso da cidade do Landro poderase cursar Econoloxía (xestión ecolóxica da vida en xeral).

«No curso pasado demos servizo a 2.600 alumnos e medramos un 17% en extensión»

Licenciada en Enxeñaría Química e en Enxeñaría Técnica Industrial, Ana Traseira foi dende o 2008 (ano da creación da UNED en Lugo) secretaria do centro. Dende febreiro de 2018, coa xubilación de José Luis Prieto, ao que define coma «o alma máter» do centro, colleu as rendas. Profesora de industriais, muller activa e sempre en continúa formación, non se conforma con posuír o C1 de inglés, o B2 de alemán e varios másteres, senón que continúa adquirindo coñecementos. Actualmente estuda o Máster de Ciencia e Tecnoloxía Química, do que so lle queda o proxecto final.

—¿Como afronta o novo curso?

— Afrontamos o novo curso facendo un balance moi positivo do anterior. Demos servizo a 2.600 estudantes e estamos moi satisfeitos porque nunha contorna de descenso de matrículas existentes, este ano conseguimos incrementar a matrícula no caso do ensino regrado. Ademais, medramos un 17% en extensión universitaria.

—¿Como foi a actividade no curso pasado?

— Fixemos unhas 60 actividades de extensión universitaria entre o centro e as aulas. Temos un reto importante para este curso de non so manter, senón mellorar estes datos e a calidade do servizo que prestamos ao alumnado. Cabe recordar que a implantación provincial fainos ser a única universidade pública estritamente centrada en Lugo e en progresiva descentralización.

—¿Cales son os principios?

—Temos que facer unha xestión moi transparente, comprometernos e rendibilizar a inversión da Deputación, Concello, Xunta e a propia Uned para financiar o funcionamento e para que teñamos a economía saneada.

—¿Cal é a actitude das Institucións co centro?

—O compromiso e a implicación das Institucións Públicas coa Uned de Lugo sempre foi ao 100%. Atravesamos momentos de crise e o seu compromiso nunca variou; e iso é de agradecer.

—¿Como define ao alumnado?

—Manifesta un interese enorme por aprender, mellorar os seus coñecementos e son moi agradecidos. Están nas titorías e o pouco que lle das, devólvecho con creces. Admíroos pola capacidade organizativa porque moitos compaxinan a vida laboral e familiar con estudar. Temos tamén xente maior que no seu día non tivo a opción de acceder á universidade. De aí que se desmonte un mito porque moitas veces chámaselle a Uned a universidade da segunda oportunidade e ás veces somos a primeira.

Mais da metade de alumnos con discapacidade estudan na Uned

Un campo onde a Uned é pioneira é na formación ás persoas con discapacidade. Tanto é así que mais da metade destas persoas estudan na Uned. Os alumnos atopan aquí a súa atención personalizada posto que ao formalizar a matrícula, apúntanse directamente en Unidis (Centro de Atención a Universitarios con Discapacidade), que coordina e desenvolve unha serie de plans de actuación en distintos ámbitos e que constitúen as súas principais funcións e servizos.

En canto ao número de titulacións que imparte a Uned en Lugo contabilízanse 28 grados, once grados combinados e 76 másteres. Os mais demandados seguen a ser Psicoloxía e Dereito, malia que actualmente está collendo moita forza Criminoloxía. Pola contra, Filoloxía e Antropoloxía son as que menos éxito causan.

En total son 88 profesores titores, incluídos os das aulas, os que se encargan de ensinar a tódolos estudantes nun centro que tamén conta cun proxecto coa Deputación sobre a Comunicación e Cultura dixital. Desde o centro traballan en dar soporte as asociacións culturais da provincia para que o esforzo do tecido asociativo sexa o mais visible posible.

Materias titorizadas

Outro punto a destacar da Uned é que tódalas materias que se imparten no centro son titorizadas. Porén, os alumnos contarán cun profesor que durante unha hora a semana (e por materia) lles axudará a preparar as probas presenciais e a estudar a asignatura, ven sexa presencial ou a distancia. Nos últimos cursos levouse a cabo por videoconferencia desde outros centros do Campos Noroeste.

Ademais, os estudantes contarán co servizo de biblioteca de 9.00 a 21.00 horas, que se adaptará a tódolos públicos e a todo tipo de necesidades. Tamén se incorporará o rexistro electrónico nas aulas de Foz, Monforte e Viveiro para que os alumnos poidan enviar a súa documentación de xeito oficial dende a súa aula a sede central de Madrid.

Cabe recordar que a Uned de Lugo é pioneira na xestión de calidade e proba disto está en que foi o segundo centro a nivel nacional en conseguir a acreditación de calidade e o primeiro en lograr dito recoñecemento a nivel dous. Actualmente traballan para acadar o nivel tres.