Xulio Díaz: «O fútbol é cousa dos futbolistas»

David Cofán Mazás
David Cofán LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

O histórico técnico analiza a actualidade futbolística e repasa a súa carreira

15 mar 2021 . Actualizado a las 10:24 h.

Falar de Xulio Díaz (Cesuras, 1948) é facelo dun dos técnicos máis influentes do fútbol galego. Adestradores coma Fabri ou Fernando Vázquez son discípulos dunha escola que introduciu en Galicia conceptos coma a defensa en zona, que supuñan un avance extraordinario no xeito de entender o xogo. Non só foi un mestre, a súa carreira levouno a ascender ao Lugo á Segunda División por primeira vez na súa historia, sendo o segundo técnico con máis partidos oficiais á fronte do equipo albivermello.

Namorado do fútbol ata a medula, nin sequera a xubilación acougou a súa fame por aprender, observar e conversar sobre o deporte que ama.

-Cales son as ensinanzas que extrae da súa dilatada carreira coma adestrador?

-Descubrín que estase a cometer un erro moi grande á hora de formar xogadores. Fanse adestramentos que aburguesan ao neno. Tralo partido co Racing, Rubén de la Barrera dixo sobre Gandoy que era guapo, pero que lle faltaba ser xogador. Un xogador non se pode facer nun Deportivo que aspira a ascender. Saen futbolistas con boas condicións, pero mentalmente non son nin fortes, nin competitivos.

-Cando un pregunta por vostede catalógano coma un visionario. Considérase un adiantado ao seu tempo?

-Eu trouxen a defensa en zona a Galicia grazas ao que aprendín cun adestrador tunisiano cando era xogador. Este estilo preocúpase máis polo espazo que do adversario, algo que era moi novo. Empeceina a poñer en práctica no Lalín, traballámola quince ou vinte minutos ao día, xa que os futbolistas estaban acostumados ao corpo a corpo, ao sangue, á carnaza; tiña que cambiar esa mentalidade. Cando o empezamos a usar nos partidos, o equipo clasificouse para o play off no primeiro ano e no segundo ascendemos.

-Un dos seus discípulos máis destacados é Fernando Vázquez. Cómo valora o seu traballo nos últimos tempos?

-A confianza é crucial, e nese caso non hai un adestrador que xestione o vestiario coma Fernando Vázquez. Ten verbo, argumentos e é próximo e recto. A nivel de fútbol sabe «a Dios». Hai quen supedita o xogo bonito aos resultados, Fernando non o fai, non supedita aos resultados e á posible clasificación para cumprir os obxectivos. Se esa idea de xogo non vai a ningunha parte non a pon en práctica, hai quen si. Ademais diso, sabe traballar todos os ámbitos, non hai moitos que teñan a súa capacidade para traballar diferentes ideas de xogo. Claro que estaría encantado de facer un fútbol vistoso, pero o fútbol é dos futbolistas e se non tes garavanzos non podes facer callos.

-Qué opinión lle merece a escasa paciencia cos técnicos nos últimos anos?

-Salvo contadas excepcións, todos os equipos son sociedades anónimas. Os empresarios poñen os obxectivos coma se o fútbol fose unha empresa, pero nun deporte coma este non existe iso. Se queres ter proxectos sólidos non tes máis que ter paciencia e marcar obxectivos a medio prazo. O importante é seleccionar ben os xogadores, saber o que queres facer, en que prazos e quen pode liderar o proxecto. No Deportivo, por exemplo, a única diferenza entre Rubén e Fernando é o verbo. O único que vexo diferente é o discurso. O caso do Compos é o exemplo de que un equipo pode xogar de memoria e obter resultados. porque Yago Iglesias leva catro anos alí, hai un proxecto, e a continuidade permite xerar automatismos.

-O Lugo é un exemplo de pouca paciencia. Qué opina da chegada de Luis César?

-É un tipo cun gran coñecemento e experiencia, está nas mellores mans posibles. É a persoa axeitada para este novo proxecto. Estaba comendo cun adestrador e comenteille que non era malo ter presidentes coma Tino Saqués que lle dea traballo aos técnicos (ri), así hai menos paro.

-Outro ex do Lugo coma Víctor Basadre comentaba que a xente da cidade non era feliz co fútbol.

-O problema do Lugo é que non sobe dos tres mil abonados. No 25.º aniversario do primeiro ascenso a Segunda díxenlle ao presidente: «Presi, un poquito más y vamos a Primera». Se non tes a suficiente masa social, como non vendas o club a un xeque, é case imposible. Hai que relaxar as expectativas. Lugo é unha cidade de baloncesto e estar xa en Segunda é para aplaudir coas orellas.

-Ao fío deste tema, comentaba que no momento do seu ascenso nin o equipo nin a cidade estaban preparados para ese salto.

-Non tiñamos nin campos nin director deportivo. Eramos o preparador físico, un médico, os xogadores e eu. Calderé do Sant Andreu, que foi contra quen ascendemos, cobraba máis que todos os xogadores do Lugo xuntos. Era normal o que acabou pasando, que descendemos ao ano seguinte.

En corto

-Un equipo de fútbol que lle marcase.

-O Barça de Guardiola.

-A que futbolista lle houbese gustado semellarse?

-Encantaríame ter sido coma Puyol, mellor aínda, como Migueli.

-Un adestrador?

-Fernando Vázquez.

-Cociña?

-Gústame moito a cociña. A miña aspiración sempre foi ter un restaurante, pero non puido ser.

-Cal é a súa especialidade?

-O cocido galego.

-Gústalle o cine?

-Pois non, gústame máis o fútbol que é coma o cine, aínda mellor (ri).

-As series?

-Nada, nada, son «antiseries».

-Unha lectura?

-Fútbol, todo fútbol. Desde sempre tiven unha biblioteca chea de libros sobre fútbol, de adestradores alemáns, tácticas... Un namorado de todo aquilo que verse sobre o fútbol.

-Un lugar para desconectar?

-A miña segunda terra, Ceuta.

-Algo fóra do fútbol que o entreteña?

-Agora que estou xubilado pensei que me ía traumatizar, pero non. Sigo moi ligado ao fútbol, vexo partidos, falo cos adestradores, e podo rajar libremente do que queira. Estou desfrutando.

-Arrepíntese de algo na súa carreira?

-Os meus compañeiros preguntábanme por que non me dediquei ao fútbol profesional, pero eu sabía que no fútbol profesional non triunfaría, porque teñen demasiados intereses e para min só hai un, o común do equipo.