Francisco Narla, escritor de Lugo: «Ningún deporte obtivo tantos éxitos coma a nosa selección de pesca con mosca»

Félix Jorquera / L.L. LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

Francisco Narla
Francisco Narla CEDIDA

O recoñecido autor acaba de publicar «De hombres y ríos», mentres ultima a súa próxima novela histórica

27 sep 2021 . Actualizado a las 12:06 h.

Francisco Narla (Lugo, 1978), escritor, piloto de avión e afeccionado á pesca, acaba de publicar De hombres y ríos. Los secretos de la selección española. Trucos, artificios y técnicas, con Edhasa. No programa Voces de Lugo, de Radio Voz, ofreceu máis detalles sobre esta última obra.

-¿Pódese dicir que esta é unha publicación distinta, coma un ensaio?

-A pesca con mosca é unha das miñas grandes afeccións e a defensa de Galicia e dos nosos ríos tamén. Coa pandemia, presentouse a oportunidade, porque desde o punto de vista dos lanzamentos editoriais non parecía razonable sacar unha novela de certo peso, así que propuxen isto, gustou e aquí está. Do que se trataba era de recoñecer a unha selección que nos ten dado moitos logros nun deporte pouco coñecido, ningún outro deporte ten feito algo así como a pesca con mosca; nos últimos seis anos, a nosa selección leva tres ouros e tres bronces, non hai ningún outro deporte que teña obtido éxitos semellantes. E como se coñecía pouco, parecíame interesante. Ademais, podemos presumir de que entre eses homes excepcionais, os mellores pescadores do mundo, está un galego, o coruñés David Arcay, que ten tantas medallas que non sei como fai para gardalas porque é algo incrible. O problema é que o fútbol, que está ben, leva demasiada atención.

-Esta é case unha publicación coral.

-Si, eu son o notario, pero realmente o mérito é dos intervintes. O que se fixo foi reunir a todos os membros dos últimos anos da selección: son 14 persoas que elixiron cada unha un escenario, unha técnica concreta e unha xornada nun lugar distinto da xeografía, que nos levou a facer case 100 horas de entrevistas gravadas, máis de 10.000 fotografías e 15.000 quilómetros para percorrer desde os lagos pirenaicos ata o embalse da Fervenza en Galicia, o nacemento do río Segura, famosos ríos leoneses coma o Órbigo... toda a xeografía española buscando experiencias e técnicas distintas. Porque a xente que o ve desde fóra pode pensar que pescar é sentarse un ratiño e botar alí un fío cun corchiño, pero a pesca ten moito choio detrás e hai moitas técnicas: en augas paradas, con grandes moscas que imitan peixes, con mosquiñas pequenas imitando insectos... e coa miña vena novelística tamén aporto información sobre os lugares que aparecen, como o hospital de Órbigo e a súa importancia no Camiño de Santiago, ou os duelos do cabaleiro Quiñones,

-¿Son pescadores os últimos románticos?

-Moita parte deles aproxímase ao río dunha maneira certamente romántica, eu son deses, porque é unha actividade que te achega moito á natureza, mantente en contacto con este entorno marabilloso... Pero no caso dos competidores, son deportistas de alto nivel como pode haber noutro deporte, adestran todos os días no ximnasio, fan exercicios aeróbicos para estar en boa forma, preocúpanse de pescar máis de 200 xornadas ao ano para estar no seu lugar, cando hai competicóns internacionais pasan tres ou catro semanas antes nos ríos deses lugares...

-¿Abre unha nova xanela con esta publicación?

-Cansei de dicir que estes homes son importantes, e como ninguén me fixo caso, decidín facer este libro, pero non abre ningún camiño máis alá, o meu traballo está feito con esta homenaxe. A nova novela entregareina estes días para que se poida publicar en febreiro.

-Aváncenos algún dato desa nova novela...

-O máis importante para min é que, coma sempre, intento dar un paso adiante, mellorar. Fago unha novela de aventuras, pero vou darlle un xiro á novela histórica e vou falar de roubos, dun intento de roubar un dos barcos das famosas flotas de Indias. É como Ocean’s Eleven, pero feita por un galego e no século XVII.