Álvaro Pin, o zoqueiro de 16 anos de Lugo: «Son o primeiro da familia que zoquea, aprendín só»

Uxía Carrera Fernández
UXÍA CARRERA CASTROVERDE / LA VOZ

LUGO CIUDAD

Óscar Cela

Baixo o nombre de Florencio de Barreiros, polo seu tataravó, o rapaz fabrica zocas, cestos ou corozas recuperando a sabedoría e a tradición popular galega

27 sep 2023 . Actualizado a las 19:30 h.

Os zoqueiros de Galicia teñen asegurada a súa supervivencia no taller e na mente dun novel artesán de Lugo. Álvaro Pin fixo a súa primeira zoca con 14 anos, hai dous. Agora, aos 16, non só fabrica un destes zapatos tradicionais en apenas unha hora, senón que tamén fai cestos, carapuchos ou polainas. A súa produción está asentada nunha profunda sabedoría da tradición galega, non por herdanza senón por convicción. É o primeiro da súa familia que zoquea. «Fixeime nunhas zocas que tiña un veciño e quixen facer unhas para min», relata como o comezo da súa paixón.

Álvaro Pin naceu en Lugo e actualmente estuda primeiro de bacharelato. Como artista, asume o nome do Florencio de Barreiros, que era como se coñecía ao seu tataravó. No seu taller de zoqueiro nesta casa familiar da aldea de Barreiros, en Castroverde, —ten outro en Bazar, Castro de Rei, para os cestos— traballa ca vestimenta que merece. Pin cámbiase para poñer unha pucha, un xersei de la e unhas zocas cos seus carpíns, os calcetíns que deben usarse.

Nun banco de madeira fabricado por el mesmo cos ocos necesarios para colocar todas as ferramentas explica a función de cada unha co seu nome tradicional. Unha das esenciais é a macheta. A do zoqueiro non é unha común, senón que está virada para un lado, para enganchar mellor na madeira. Así tamén é un pouco Álvaro Pin, fóra do común.

A súa avoa non dubida en sentenciar que «foi especial dende sempre». Os seus gustos non foron os máis típicos da xeración do 2007. «Primeiro comecei cas antigüidades, despois cos bonsais e finalmente cas zocas», lembra. O lucense viu un par deste calzado na casa dun veciño, gustáronlle e propúxose copialas. Na súa familia non había ninguén que lle puidera axudar, así que encargouse de «falar cos veciños indicados» para recompilar información do proceso tradicional. «Agora chámanlles informantes pero de toda a vida foron vellos».

A primeira zoca que fabricou e unha das últimas que terminou
A primeira zoca que fabricou e unha das últimas que terminou OSCAR CELA

Hai un século, os zoqueiros pasábanse ata cinco anos convivindo para aprender a fabricar as zocas. Pin estivo dous días con Paco Morán, de Muimenta, para aprender a zoquear «como facían os de antes» Con toda a sabedoría popular que recolleu de forma autodidacta fixo as súa primeiras zoca hai dous anos. «Usouna a miña avoa de cinceiro», lembra entre risas. Foi traballando e perfeccionando a técnica e este ano xa comezou a participar en feiras. «Estreeime na Moexmu e chamáronme para ir a máis», conta.

Álvaro Pin fabrica zocas de home e de muller con madeira de bidueiro. Emprega o proceso orixinal dos zoqueiros «porque non hai outro», para o que require una ampla lista de ferramentas específicas, todas conseguidas por el e con fundas de madeira talladas a medida. «Algunhas foron moi difíciles de encontrar, teñen 90 anos», afirma. As zocas deixaron de empregarse polos anos 50 ou 60 e o último zoqueiro da zona foi coñecido pola xeración do avó de Pin. Agora o novo Florencio de Barreiros reviviu o oficio.

Do carapucho ao birimbao

Zoquear é o que máis lle gusta a Pin, pero esa primeira paixón levou a coñecer outras labores. O lucense fabricou varios cestos e corozas, a tradicional vestimenta de xunco para protexerse da chuvia. No ámbito da cestería non se limitou ás creacións clásicas senón que fixo ata piteiras, para que as pitas poñan ovos. Na aldea, ten unha pequena plantación propia de vimbio e xuncos. Ademais de abellas, coellos e unha horta.

Álvaro sostendo o chiflo de madeira que empregaban os capadores
Álvaro sostendo o chiflo de madeira que empregaban os capadores OSCAR CELA

Ca madeira non só fai zocas, tamén fabricou utensilios, está en proceso de crear un rabel e fixo unha teitella, que se emprega para teitear pallozas e que xa probou en Piornedo. Unha das súas obras máis curiosas é o chiflo que empregaban os capadores. Este instrumento, feito de madeira e coa silueta dun cabalo, foi o que «copiaron» os afiadores e popularizaron o seu son. «Os capadores foron antes, tamén o empregaban máis oficios que ían a cabalo». Aínda que non o fabricou, o zoqueiro tamén toca o birimbao ou trompa galega.

Ata os máis veteranos déronse conta da fonte de coñecemento que é Pin, así que sempre lle repetiron que había moita xente interesada no que el sabía e que non encontraban información. «Eu ben sei o que é buscar e non atopar nada». Por iso, decidiu crearse unha conta de Instagram na que divulgar o seu traballo. Máis de 1.500 seguidores xa aprenden do que á súa vez Álvaro vai aprendendo pola súa conta. Con só 16 anos converteuse nun refuxio da cultura galega dos últimos séculos.