Fillo de p, hijo de p

LUGO CIUDAD

02 dic 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai tempo que quero debruzarme sobre este insulto, un dos máis aldraxantes en galego, en castelán e noutros idiomas, e fágoo hoxe porque acabo de recibir un relato inédito do profesor sardo Pietro Molteni titulado, non eufemisticamente, Fillo de puta. Saben algúns, entre nós, que o profesor Molteni, xa falecido, escribía, en ocasións, en lingua galega, nun galego bastante axeitado. Conta Molteni, no seu conto, a historia de Sabela, unha muller pobre da Montaña luguesa da década dos corenta que, con 17 anos, namorou do fillo do rico da comarca, un mozo, moi rico el tamén, en promesas e en palabras que non parecían mentireiras.

O caso foi que, aínda sendo Sabela moi intelixente e dada a cavilar, ademais de ter lido algúns libros, feito insólito naquel tempo e lugar, a tal Sabela acreditou nas «prosas» daquel namorante e non tardou en ter un fillo seu: un fillo de solteira, un fillo bravo, un fillo por detrás da igrexa..., un fillo do que o pai se desentendeu... Na aldea, os mellores veciños compadeceron a nai, e seus pais e os parentes máis achegados «decretaron» que Sabela, nai dun fillo do pecado, vivise calada, sumisa na casa e nos traballos e allea a festas e outros esparexementos, mentres os mozos da parroquia menos reprimidos devecían por ela. Cobizábana porque era moi fermosa e sensual, fermosura que ela, intelixente, caviladora e algo lida, consideraba un patrimonio que era dela, só dela e que só ela tiña dereito a administrar.

Administrou o patrimonio moi ben, subliña Molteni, desde que o neno cumpriu seis anos. Nesa data, Sabela emigrou á capital, a Lugo, e axiña se colocou nun prostíbulo, que, decontado, se fixo famoso entre os seareiros máis ricotes, tanto que Sabela non tardou en acadar un capitalciño xeitoso.

Meses despois, o fillo de achego, espilido como a nai, estudaba nun colexio relixioso de moita sona, onde cursaría, tamén, o bacharelato con notable aproveitamento. Mentres, o pai daquel fillo herdaba un bo capital en diñeiro, veigas e casas, que administrou, loxicamente, ao seu xeito. Xa doutor en Medicina por Compostela aquel fillo bravo, Sabela volveu á aldea, mercou unhas terras e fixo unha casiña, en 1955, con lareira, cociña de ferro e cuarto de baño. Seguía sendo tan atractiva como cobizada por moitos homes, pero ela escolleu un, xa moi adulto, que a admiraba polo ben que coidara e administrara o seu patrimonio. Conta Molteni, lector de Zola e de Cela, que con el tivo o primeiro orgasmo desde o día en que trebellara co rico da parroquia. Foi un matrimonio feliz. Xa ninguén a alcumaba de «viciosa», e case todos, na contorna, fixeron unha lectura correcta da biografía de quen, administrando con intelixencia e decoro o seu herdo persoal, o seu patrimonio natural, fuxiu da miseria e da asfixia social e propiciou o benestar e a respectabilidade dun «fillo de puta» que estaba condenado á miseria e a vivir baixo a lousa do discurso reaccionario e inxusto.

Eu acabo de ofrecer un resumo moi abreviado dun curioso relato de Pietro Molteni de 1960, inédito que cumpriría editar e, xa editado en galego, traducilo ao castelán e facerlle chegar un exemplar desta tradución a outra Sabela: a Isabel Díaz Ayuso.