









































A formación ofrece hoxe o seu segundo concerto tralo éxito do primeiro
07 jun 2025 . Actualizado a las 19:29 h.Aínda non soara a primeira nota musical, e Fuxan os Ventos xa recibira a primeira ovación da noite. Un deses aplausos pechados e emocionantes que anticipan un espectáculo máxico. A histórica agrupación musical, enraizada en Lugo, subiuse na noite do xoves ao escenario do auditorio que leva o seu nome para agradecer o xesto da cidade lucense e demostrar unha vez máis por que están nalgunhas das páxinas gloriosas da música galega. O que se viviu na sala grande do auditorio, cos seus máis de 900 asentos, comezou con emoción e rematou do mesmo xeito.
Foi Faia, acompañada polo clarinetista dezao Benxamín Otero, a encargada de abrir o espectáculo. Herdeira en sentido literal e figurado de Fuxan, fixo gala de voz e sentimento cunha proposta íntima e á vez popular que deixou preso ao público nas cadeiras.
Esa enerxía subiu de revolucións no momento no que os De Nighures tomaron o relevo. A súa música atrevida e rompedora fixo que máis dun quixera moverse do asento para seguir o ritmo do que se estaba a vivir no escenario. Nada máis saír, un dos polifacéticos músicos da banda avisou: imos facer feira. E non defraudaron. Violíns, gaitas, guitarras, sachos, pandeiretas, percusión... Todo soaba. E todo ben.
E co público xa engraxado, foi cando chegou a quenda dos protagonistas da noite. Fuxan, acompañados dun clarinete, un violín e unha guitarra externos, saíu a escenario a facer gala de música, de voces e de conexión. Ofreceron un espectáculo directo e emocionante, coa aresta reivindicativa permanente e cun agradecemento eterno na boca.
Antes de comezar, Tareixa Novo tivo palabras para os que estiveron e xa non están, incluída a finada Paula Alvarellos. Para quen tivo a ben empurrar para que o auditorio levara o nome do grupo, para quen puxo letra e música aos temas, e para todos os que nalgún momento pasaron pola formación.
E cando o concerto xa estaba a piques de acabar e non parecía posible máis emoción, chegou O Carro. Dos altofalantes da sala saíu a voz do falecido Moncho Díaz cantando o popular tema, mentres os seus compañeiros, sobre o escenario, o secundaban e o auditorio se encollía.
As máis de dúas horas e media de actuación, entre os teloneiros e os protagonistas, chegaban ao seu fin o xoves, pero reeditarase de novo hoxe e mañá. Será con outro público, pero a bo seguro coa mesma intensidade. É unha viaxe musical e emocionante en tres actos na casa de Fuxan os Ventos.