«Todos levamos un actor dentro»

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS VILALBA / LA VOZ

MEIRA

CEDIDA

Afirma que a primeira película, «Dhogs», o deixou máis satisfeito do que esperaba

06 nov 2017 . Actualizado a las 22:28 h.

Chegar e encher. Pode describirse de maneira breve e sinxela o que lle ocorre ao meirego Andrés Goteira coa súa primeira película, Dhogs, que vén de acadar dous premios nun festival de cine de Madrid. Pero tamén cómpre dicir que os loureiros da gloria non son para el unha obsesión e que a satisfacción de acadar recoñecementos lle importa menos ca o pracer de facer películas.

Que tras a primeira película virán outras semella bastante probable polo que se deduce da conversa, pero sen obsesións: «Quero tentalo e seguir aprendendo», di.

-Vivindo na periferia, nunha vila que non está xusto ao lado de grandes cidades, é más difícil facer cine?

-Facer cine en calquera lugar do mundo, creo eu, é difícil. Outra cousa é estar rodeado de xente: aquí houbo xente que estivo a favor.

-Quedou contento da experiencia?

-Quedei por enriba do que esperaba polo traballo, pola ilusión que había... Chegou o festival de Madrid, non o esperabamos... Queriamos facer unha película profesional, e veñen as outras cousas, que son xeniais.

-De onde lle vén a paixón por facer cine?

-De ver cine e de ver facer cine. Estudando imaxe e son, vía xente contando historias. Iso provocoume unha sa envexa, e pensei ‘quero facer iso’. Logo empecei cos amigos en Meira, experimentando.

-Ten algunha referencia en especial?

-Non. Gústame todo tipo de cine, aprendín de todos. Por exemplo, [David] Lynch e [Clint] Eastwood son moi diferentes, pero bos os dous. Non sigo ningún tipo de cine en concreto; de aí que o cine que fago sexa moi aberto.

-Gustaríalle ampliar o traballo a outros campos, como o da televisión?

-Se se coidan todos os aspectos, todos os detalles, si.

-Hai algún actor ou algunha actriz cos que lle gustaría chegar a traballar?

-De actores, [Michael] Fassbender. De actrices, non sei, non sei... Gustaríame traballar cunha rapaza que coñecín en Sitges, Itziar Castro. Xa llo dixen ademais.

-Pensou algunha vez nalguhna historia que se ambientase na contorna de Meira? Daría xogo a zona?

-As historias son para todos, para quen as queira. Primeiro hai que contar a historia. Se coincide que é en Meira, en Meira; se é en Castroverde, en Castroverde. Nesta película metín xente de Meira, e se podo, na seguinte tamén. Todos levamos un actor dentro; hai que atopalo, pero eu creo que o levamos.

-Se fose actor, a quen lle gustaría parecerse?

-Digo que levamos un actor dentro porque temos a nosa personalidade; pero se nos transformamos noutro, xa é difícil. Por exemplo, en Dhogs Manolita Castro, que é de Meira, fai de viúva, de señora que se dedica a observar a vida dos demais, e faino moi ben; é moi crible. A Suso López, que é produtor executivo e que tamén é de Meira, velo na tele e é para flipar.

-Cando un é director, está un pouco só durante a rodaxe?

-O director é o único que ten na cabeza todos os aspectos que hai. O que ten que facer é ir cara á illa á que hai que ir. O que ten que acadar é que ninguén do equipo vaia a outra illa. As decisións, aínda que haxa moito consenso, teñen que ser concretas, porque doutra maneira non se funciona. Pero tamén me gusta deixar que os actores vaian construíndo o papel, aínda que sabendo cara onde imos.