Para que pode valer un Día das Letras Galegas dedicado a Avelino Díaz?

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS VILALBA / LA VOZ

MEIRA

ARQUIVO DA EMIGRACIÓN

O escritor, que naceu en Riotorto e viviu en Meira, desenvolveu a súa actividade pública en Arxentina, a onde emigrou

05 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Que fan os turistas en Mondoñedo? Visitar a catedral, dar un paseo polas rúas de arredor, achegarse á cova do Rei Cintolo, comprar unha torta... A ese programa, que non ten por que incluír todos eses actos nin tampouco nesa orde, convén engadirlle outro: tirar unha foto, sexa un selfi ou unha imaxe feita por outro, xunto á estatua de Álvaro Cunqueiro (1911-1981), que se instalou na parte alta da praza da Catedral en setembro de 1991.

Aquel foi o ano no que ao autor de Merlín e familia se lle dedicou o Día das Letras Galegas. 27 anos despois, nunha casa desa mesma praza na que viviu e na que escribiu boa parte da súa obra, estanse a desenvolver traballos de restauración para convertela nun museo dedicado á súa figura. Neste 2018, a uns 35 quilómetros de distancia, vén de presentarse unha proposta para que a un escritor, Avelino Díaz (1897-1971), se lle dedique o Día das Letras Galegas.

En Meira, o pasado venres, o alcalde meirego, Antonio de Dios (PSOE), e máis o riotortense, Clemente Iglesias (PP), expuxeron esa solicitude, xunto con Francisco Veiga, presidente da asociación que leva o nome do poeta. Entre as consecuencias que se poderían tirar dese recoñecemento, mesmo se citou o aumento do turismo, como afirmou o alcalde de Riotorto.

 De quen falamos cando falamos do poeta Avelino Díaz?

Falamos dunha vida que con bastante claridade reflicte o guión da Galicia emigrante de finais do século XIX e de comezos do XX. Naceu na Órrea (Riotorto); trasladouse a Meira sendo un neno pequeno; emigrou a Arxentina antes de chegar á xuventude; volveu a Meira anos despois, e en 1920 fixo a viaxe inversa: tras unha pequena estadía en Cuba, chegou de novo a Bos Aires, onde xa viviu ata a súa morte. Foi enterrado no cemiterio do Centro Galego, preto de dúas figuras de tanta importancia na Galicia do século pasado como Castelao e Ramón Suárez Picallo.

 En que merecementos se basea esa petición feita á Real Academia?

A obra poética de Avelino Díaz componse, por unha banda, de tres obras que publicou en vida: dúas, Debezos e Pallaregas, están escritas en galego, e unha, Flor de retama, en castelán. Tras a súa morte publicouse 11 poemas a Castelao, que editou o Centro Lucense de Bos Aires. Pero a súa produción inclúe tamén, por exemplo, unha abondosa colaboración en xornais e revistas.

 Que distingue a obra poética súa da doutros poetas?

En primeiro lugar, a data de publicación. Como explica a asociación cultural co nome do poeta na súa páxina web, Debezos (1947) pode ser considerado o primeiro libro de poemas de certa entidade que se publica en galego despois da Guerra Civil, unha honra que durante anos se lle adxudicou a Cómaros verdes, de Aquilino Iglesia Alvariño. Os temas elixidos son variados, pero de fondo, como un pano case inmóbil, Galicia e a nostalxia da terra están presentes.

 Coñécese agora toda a obra literaria que deixou escrita?

Non. Precisamente, unha das razóns polas que a devandita asociación pide un Día das Letras Galegas para este autor é porque o número de poemas inéditos é moi superior ao dos xa publicados. Calcúlase que están sen atopar nin publicar 851 dos 1.178 poemas que escribiu.

 Axudaría esa decisión da Real Academia a recuperar a súa obra?

Pódese pensar que si. A celebración do Día das Letras Galegas supón a publicación de obras dedicadas ao autor escollido cada ano, e a situación que rodea a Avelino Díaz amosa a dificultade dese obxectivo se non hai un recoñecemento oficial. Por unha banda, a maior parte da súa vida transcorreu en América; por outra, os seus descendentes viven en Arxentina, aínda que no 2015 visitaron Meira e Riotorto.

O exemplo de Xosé María Díaz Castro (1914-1990), homenaxeado no 2014, pode valer para explicar a importancia da decisión da Real Academia Galega. O poeta, que nacera nos Vilares (Guitiriz), viviu os derradeiros anos na capital do concello e nese tempo mantivo relación con outros escritores, algo ou moito máis novos ca el. Cunha soa obra publicada en vida, Nimbos, acadou un amplo recoñecemento na literatura galega contemporánea; pero o feito de ser elixido para un 17 de maio axudou á publicación de obras dedicadas a el, incluída a edición das obras completas, preparada polo profesor e ensaísta Armando Requeixo. Cómpre engadir ademais que a obra inédita de Díaz Castro estaba en Guitiriz, onde a Asociación Cultural Xermolos garda un amplo fondo documental do poeta.

 Aumentan as visitas a un lugar grazas á sona dun escritor?

Os datos parecen indicar iso. Se se pregunta na oficina de turismo de Mondoñedo polas razóns que moven aos visitantes a achegarse á cidade, a figura de Cunqueiro aparece como unha das causas da estadía. Se se lembra o ocorrido en Guitiriz nestes últimos anos, as razóns aumentan. Centros de ensino de todo Galicia acoden ao municipio para ver lugares vencellados coa vida e coa obra de Díaz Castro: rapaces do instituto actúan como guías no casco urbano e nos Vilares; hai visitas á Casa das Palabras, onde Xermolos garda un amplo legado do poeta, e o Concello, con axuda da Deputación, creou unha ruta de senderismo por lugares dos Vilares e do Buriz vencellados co autor de Nimbos.

A Asociación Cultural Avelino Díaz ten organizado, nestes últimos anos, percorridos por lugares de Meira e de Riotorto que gardan relación co poeta.

É novidoso o desexo de que se dedique o Día das Letras Galegas a Díaz?

Non pero si. Xosé Neira Vilas tentou que fose homenaxeado no 2015, e a devandita asociación cultural, que se lle dedicase o día d0 2017, coincidindo cos 120 anos do seu nacemento. O curioso deste novo intento é que se achegan sinaturas de apoio, 2.421 en total, e que se anuncian medidas afastadas do mundo das letras: por exemplo, prevese que hostaleiros de Riotorto e de Meira coloquen, en vindeiros meses, panos de mesa dedicados a Avelino Díaz nos seus establecementos.