Muras presenta un Trail das Bestas «revolucionado»

A. S. LUGO / LA VOZ

MURAS

O Trail das Bestas incluirá este ano una categoría de maratón
O Trail das Bestas incluirá este ano una categoría de maratón CEDIDA

Será a primeira edición na que haxa unha categoría de Maratón (42 km)

06 jul 2024 . Actualizado a las 20:23 h.

O vindeiro domingo 7 de xullo, Muras acollerá a sétima edición do Trail das Bestas, que este ano debuta como Campionato Galego de Maratón. A proba ofrecerá tres modalidades de participación: 42 km, 27 km e 12 km, ademais dunha andaina de 12 km.

O vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, o alcalde de Muras, Manuel Requeixo, e a tenente de alcalde, Paula Gómez, presentaron onte a competición, organizada polo Concello e coa colaboración da Deputación de Lugo a través do Plan Deputación. Agárdase a participación de 300 deportistas.

A Serra do Xistral e as ribeiras do Eume serán o escenario desta carreira de montaña, con percorridos deseñados para destacar este espazo natural emblemático, especialmente nas probas de distancias máis curtas. Xa considerada unha referencia no calendario galego, a proba reforza a súa dimensión competitiva tanto no maratón como nas carreiras de 27 km e 12 km, que puntuarán para as distancias clásica e minitrail.

Manuel Requeijo, o alcalde, destacou que «o Trail das Bestas converterá Muras na capital galega do deporte de montaña» e valorou «a continua evolución da proba ao longo dos anos, ata converterse nun referente para os mellores deportistas da modalidade e nun dos mellores escaparates posibles para o patrimonio natural de Muras, que tratamos de revalorizar con todas as actividades deportivas, culturais ou lúdicas que promovemos desde o concello». Subliñou tamén «a repercusión que ten na hostalaría e na economía local o movemento de persoas arredor do trail».

Efrén Castro valorou «esta proba que se celebra nun escenario único como é a Serra do Xistral e que xa é toda unha referencia no calendario galego» e celebrou «o éxito destas iniciativas que poñen o foco tamén no territorio e dinamizan os concellos da provincia de Lugo».

O coordinador da proba, Pablo López, animou a participar e sinalou que «o recoñecemento como Campionato Galego de Trail Maratón permitirá que veña máis xente, ademais de que é moi especial que os mellores atletas galegos desta disciplina estean en Muras e os poidamos ver».

Inscricións

O punto de saída e chegada da proba será na área recreativa da Veiga, que contará con todos os servizos para as persoas participantes e acompañantes, con espazo dispoñible para aparcamento de turismos e caravanas, duchas e piscina. As inscricións poden realizarse en traildasbestas.com.

O programa do Trail das Bestas inclúe tamén charlas divulgativas sobre as oportunidades que ofrece o Xistral para a organización de actividades ao aire libre. As charlas estarán a cargo de Inma Pumariño, acreditada deportista de montaña, espeleoloxía, barranquismo e kaiak, e Pablo López, corredor de aventura, orientación, BTT e organizador de probas deportivas. Celebraranse no local social do Concello na xornada previa, o 6 de xullo, de 18.00 a 20.00 horas.