Muras inaugura unha exposición de serigrafía dunha vintena de artistas galegos

LUGO LA VOZ

MURAS

O Legado Activo Beiras Cal recupera unha iniciativa pioneira na historia da arte galega

20 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Este sábado, 19 de xullo, ás 12 da mañá, inaugurouse na aldea das Aguias, en Muras (Lugo), a exposición «Vigo Muras. Serigrafía Galega 1971», un proxecto do Legado Activo Beiras Cal (LABC) que recupera unha iniciativa pioneira na historia da arte galega. A mostra reúne a primeira colección de arte realizada integramente en serigrafía en Galicia, promovida en 1971 polos irmáns Álvarez Blázquez co obxectivo de democratizar o acceso á cultura e á creación artística.

No acto de apertura participaron Hixinio Beiras, Beatriz Beiras e Javier Álvarez Blázquez, e contou tamén cunha demostración en directo da técnica da serigrafía a cargo de Xermán Álvarez, profesor na Escola de Arte Ramón Falcón de Lugo.

Unha mostra colectiva

A exposición componse de 44 serigrafías realizadas por 19 artistas galegos de referencia, entre os que destacan Luis Seoane, Laxeiro, María Antonia Dans, Isaac Díaz Pardo, Mercedes Ruibal, Vidal Souto, Xosé Luis de Dios ou Virxilio, entre outros. A colección, que nos anos 70 percorreu Galicia e diversas cidades españolas con grande éxito, foi adquirida daquela por Antía Cal, e é a primeira vez que se mostra ao completo.

Xunto ás obras gráficas, o público poderá visitar tamén unha mostra bibliográfica procedente da biblioteca persoal de Antía Cal, que recolle edicións orixinais das editoriais Monterrey e Castrelos, impulsadas polos Álvarez Blázquez baixo o lema: Libros do pobo para o pobo. Cadros e libros viaxan agora de Vigo a Muras, como outrora viaxaran Antón e Antía, «do concello con máis poboación de Galicia a un dos máis despoboados».

Un percorrido simbólico

A mostra distribúese en tres espazos singulares da aldea: a antiga caseta de Correos, a taberna do Mesón das Aguias e o hórreo da casa do Mesón, convertendo Muras nun escenario artístico único, onde se pecha simbolicamente o ciclo iniciado en Vigo hai máis de cinco décadas.

Como explicou Carme Varela, secretaria do LABC, «en 1971 fíxose para democratizar o acceso á arte e agora nós traémola á aldea, a onde nunca chegan estas iniciativas». Un xeito de reivindicar a cultura desde o rural, conectando o pasado e o presente nunha proposta que viaxa «do concello con máis poboación de Galicia a un dos máis despoboados».

A mostra, que será a segunda que se organiza en Muras polo LABC no último ano, poderá visitarse ata o 19 de outubro. Estará aberta de venres a domingo, de 10.00 a 20.00 horas, pero pódense concertar visitas noutros horarios e días chamando previamente ao 630 941 270.