José Fernández, alcalde de Navia: «Os meus veciños levan un mes sen poder ver a TVG»
NAVIA DE SUARNA
Na parroquia de Castañeda levan semanas pedíndolle á Xunta que arranxe o repetidor, posto que hai máis de 40 persoas afectadas
26 sep 2023 . Actualizado a las 20:25 h.Os veciños de Castañedo, unha parroquia de Navia de Suarna situada pouco antes do límite con Asturias, levan un mes sen poder ver a Televisión de Galicia (TVG) por problemas co repetidor. Segundo explica o alcalde do concello, José Fernández, hai entre tres ou catro núcleos de poboación afectados, o que se traduce entre 40 e 50 persoas.
«Poden ver o resto de emisoras porque collen repetidores de Asturias, pero non á TVG e isto é un problema para eles, xa que hai moita xente maior acostumada a poder ver o telexornal a diario e dende as súas casas. Eu xa lle transmitín a urxencia á Xunta de Galicia, encargada do repetidor, pero polo momento non nos deron ningunha solución», explica o alcalde.
Os veciños non poden ver a TVG e explican que a xente máis maior bota en falta o servizo: «A miña nai, que ten 86 anos, non quere ver outra cousa. Ela di que se non pode ver a TVG prefire ter a televisión apagada», conta unha veciña, que tamén explica que o repetidor ten case 30 anos e que no propio aparato aparece que pertence á Xunta de Galicia. «É a única forma que temos de ver a televisión galega, e levamos xa un mes agardando. Non temos máis paciencia», asegura.