Xosé Ferreiro renuncia como concelleiro do BNG de Outeiro de Rei por motivos persoais

la voz LUGO

OUTEIRO DE REI

Noelia P. Fompedriña, mestra, ocupará o posto que deixa Xosé Ferreiro no grupo do BNG en Outeiro de Rei
Noelia P. Fompedriña, mestra, ocupará o posto que deixa Xosé Ferreiro no grupo do BNG en Outeiro de Rei CEDIDA

A mestra Noelia P. Fompedriña ocupará o posto que deixa vacante o que foi cabeza de lista do Bloque no municipio desde o 2015 e fora deputado provincial

27 feb 2025 . Actualizado a las 16:54 h.

O pleno municipal do Concello de Outeiro de Rei acolleu este xoves a despedida de Xosé Ferreiro como concelleiro do BNG, quen formalizou a súa renuncia ao cargo por motivos persoais. «Foi unha honra poder traballar por este concello que ten moito potencial e que estou seguro que os meus compañeiros concelleiros van seguir a traballar para mellorar», sinalou o que foi cabeza de lista polo BNG neste concello lucense nas eleccións dos 2015, 2019 e 2023 e chegou a ser deputado provincial no mandato 2015-2019, ocupando un tempo a Área de Cultura da Deputación.

Xosé Ferreiro, que foi secretario comarcal da CIG e foi membro da executiva comarcal do BNG, naceu en Begonte, no ano 1965, deixa así a primeira liña da política, sinalando que seguirá colaborando co Bloque en todo que necesite. Ferreiro, licenciado en Física e profesor de Matemáticas, sinalo que destes anos como membro da corporación municipal de Outeiro de Rei vaise satisfeito de que o BNG deixase a súa pegada cun traballo «serio» e que así o valorase a cidadanía, indica. 

Trátase, segundo explica Ferreiro , dun cambio «natural e tranquilo», no que el continuará vinculado ao BNG de Outeiro de Rei. «Eu non teño apego aos cargos nin me custa abrir nin pechar ciclos, as persoas non poden eternizarse nos postos», comenta o nacionalista, quen define a súa sucesora, Noelia P. Fompedriña, como unha «persoa moza que pode aportar unha visión nova e fresca a este grupo municipal», convencido de que desenvolverá un bo traballo a prol de Outeiro de Rei. 

Noelia P. Fompedriña é mestra  e veciña da parroquia de Cela, unha persoa que está vinculada ao mundo do asociacionismo. Noelia P. Fompedriña agradece o traballo que fixo Ferreiro nestes anos como concelleiro e asume o reto de entrar no grupo municipal «con ilusión e con ganas de aportar ideas para conseguir que o concello de Outeiro de Rei sexa un concello mellor».