Compromiso co tempo e a terra

Moncho Gándara

PALAS DE REI

06 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Somos moitos e moitas as que consideramos acertado, e moi merecido, o recoñecemento que se lle fai a Xosé María Lema coa concesión do premio Careón, que se lle entregará hoxe, sábado, en terras de Palas de Rei. Son moi elocuentes as palabras do presidente do xurado ao respecto: «É un deses homes que levan a Galicia no corazón e na súa obra. É unha honra outorgarlle este premio, que recoñece a quen traballa, con paixón e constancia, por manter viva a alma do noso país».

Entre outros valores deste docente, divulgador, e activista cultural está tamén o de defensor da lingua galega e da nosa identidade, cunha creación literaria de calidade —del é Costa do Solpor, a novela da Costa da Morte—; cun inxente e variado traballo, tanto individual como colectivo, de investigación e promoción do noso patrimonio cultural e natural da Terra de Soneira e da Costa da Morte; con publicacións coma O Castelo dos Moscoso, Os Batáns, Cruceiros, Guía dos Penedos, O río do Porto

Por deixar constancia dun exemplo ilustrativo, consultando a bibliografía de Xosé María referida a Vimianzo, o seu concello natal, contabilicei ata vinte e cinco libros publicados nos que este municipio ou as súas parroquias teñen unha presenza significativa. Tamén unha ducia de artigos de investigación sobre Vimianzo en revistas especializadas, seis documentos audiovisuais sobre o patrimonio… E todo isto sen enumerar a súa constante presenza en foros e incontables artigos nos máis diversos medios.

É un feito constatable que esta inxente e variada obra de investigación á que nos referimos resulta básica nas campañas de promoción que fan, neste caso, concellos soneiráns. Precisamente, por todo isto, resulta incomprensible e inxustificable o ocultamento que desde a institución municipal de Vimianzo se vén facendo coa persoa e obra de Xosé María Lema. A miúdo se relega, se ignora e nin se menciona. Resulta mesmo curioso, sen ir máis lonxe, que non «mole» para nada a extraordinaria obra investigadora e a creadora deste soneirán, ben recoñecido noutros lares.

Pero nós si estaremos aló, en Palas de Rei, celebrando o recoñecemento que lle van tributar catro asociacións da comarca da Ulloa. Un fermoso galardón que xorde desde «abaixo» como o que recibiu no seu día, o de «Soneirán de Honra», promovido por asociacións de Camariñas, de Vimianzo e Zas, pola súa contribución ao recoñecemento comarcal da Terra de Soneira. Longa vida, Xosé María!

Moncho Gándara, mestre xubilado.