Sabedoría

Cristina Pato
Cristina Pato A ARTE DA INQUEDANZA

POL

Alberto Boal | EFE

14 dic 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Estes días, mentres remataba de editar o programa de estudos da miña próxima clase no que, por recomendación da universidade, tiña que incluír un apartado sobre a política do curso no uso da intelixencia artificial, pensaba nos pros e nos contras desa decisión. Falando coa miña compañeira, coa que levo colaborando cinco anos, e que é dunha xeración anterior á miña, reflexionabamos sobre o que significa invitar aos estudantes a usar ou non a IA, e sobre como mudaría a súa aprendizaxe segundo a nosa decisión. Unha conversa que me levou a pensar na cantidade de cousas que se perden polo camiño cando adoptamos unha nova tecnoloxía...

Vexo a miña nai facer contas, sumar, restar, dividir, multiplicar, e penso na diferenza entre a súa xeración e a miña, no feito de que eu xa crecín con calculadora, e que a miña capacidade para esas operacións é moito peor cá súa. Véxoa no meu xardín, cambiando as miñas plantas de sitio, pois como di ela, non teño nin idea de por onde sae o sol, nin que sol é o mellor para cada planta. Véxoa desconcertada cando comemos amorodos fóra de temporada, e escóitoa abraiada cando, nos nosos paseos, chama a cada herba polo seu nome. Eu non sei nada das cousas que a miña nai domina.

Non sei moi ben que deixarán de aprender as seguintes xeracións, que capacidades deixarán de practicar. Pensarán menos? Terán menos ideas? O que si sei, é que dalgún xeito nacerán outras necesidades, e delas outras capacidades. Adaptarémonos aos cambios do mesmo xeito que o fixeron os nosos pais... e polo camiño perderemos un tipo de sabedoría, pero quizais gañemos outra, ou iso quero crer, pois xa non hai volta atrás, a IA está aquí para quedar.