Portomarín brindou con augardente polo nomeamento das novas damas e cabaleiros

Paula Álvarez García
P. ÁLVAREZ LUGO / LA VOZ

PORTOMARÍN

A localidade celebrou este fin de semana a 53 edición da Festa da Augardente, que ten como acto destacado o nomeamento das Damas e Cabaleiros da Orde Serenísima da Alquitara

21 abr 2025 . Actualizado a las 00:56 h.

Portomarín celebrou onte a segunda e última xornada da 53 Festa da Augardente, o seu evento máis recoñecido e que non perde o encanto pase o tempo que pase. A xornada festiva deu comezo o sábado, con música e carreira popular, pero foi onte cando tivo lugar o acto máis significativo. O nomeamento dos novos Cabaleiros e Damas da Orde Serenísima da Alquitara e a lectura do pregón, a cargo este ano de Miguel Ángel Santalices Vieira, presidente do Parlamento de Galicia. Santalices foi, ademais, nomeado cabaleiro da Orde.

Os nomes que acompañaron ao presidente foron os de diferentes figuras políticas da provincia, representantes de entidades sociais, veciños, empresarios ou adegueiros. As novas daas e cabaleiros son Sergio Vázquez e Víctor Manuel (concelleiros de Portomarín), Ángel Pérez (alcalde de Guntín), José Crespo Iglesias (alcalde de Lalín), Javier Vigo (guardia civil), Marcos Gayoso (ilusionista), Marisa Rivas, Manuel Jesús Rodríguez, Carmen Rodríguez (veciños de Portomarín), Manuel Pombo (organizador da Portomarín Beerfest), Jorge Manuel Rubal (Jefe da Policía Autonómica), Marina Lara López (Industrial de Lugo), José Manuel Rivas (adegueiro), Eulogio Rega (director escolar Mieres e Oviedo) e María del Carmen Romay Bellón (veciña de Lugo).

Todos eles ingresaron onte oficialmente na orde, nun acto presidido polo alcalde de Portomarín, Pablo Rivas, coa secretaría do gran canciller, Alfredo Sánchez Carro. Estiveron presentes tamén durante o nomeamento oficial os exalcaldes Juan Serrano, Eloy Rodríguez e Silvia Rodríguez.

O evento continuou pola tarde con música a cargo da charanga Louband. Cabe engadir que a Festa da Augardente deu comezo pola mañá cun minuto de silencio recordando a Marcos Arias, que faleceu recentemente. Arias foi portavoz do PSOE local e nomeado tamén membro da Orde Serenísima da Alquitara en anteriores ocasións.