Rocío López, escritora: «Para min escribir é unha necesidade, algo que me compón e relaxa»

María Guntín
maría guntín SARRIA / LA VOZ

SARRIA

A escritora naceu en Monseiro e, xunto a outra socia, creou hai dous meses unha axencia de servizos editoriais

01 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Rocío López (Monseiro, Láncara, 1974) sente paixón polos libros. Tanta que, actualmente, dedícase a lelos e a escribilos. Está a piques de poñer o punto e final á súa nova historia e inaugurou hai dous meses e xunto a outra socia unha axencia de servizos editoriais en Sarria, que xa asesora a autores de outros continentes.

-Como se define?

-Como unha persoa á que lle encanta a novela policial e a negra. Todo o que me emociona é o que intento trasladar eu como escritora.

-Como será o seu novo libro?

-É o quinto e terá moitas sorpresas para captar a atención de lectores novos. É unha novela policial con protagonistas moi contundentes. Ademais, eu son das que penso que deixamos un toque persoal no que escribimos.

-Canto tempo de traballo ten detrás esta historia?

-Os demais libros leváronme un ano. Este, un pouco máis e agora mesmo estouno revisando e ultimando todos os detalles. Está protagonizado por unha muller que é policía.

-En que te inspiras e a que acodes cando veñen curvas?

-A verdade é que ata agora non me atasquei nunca aínda que supoño que é algo que forma parte do proceso creativo. Para min escribir agora mesmo é unha necesidade, algo que me compón e relaxa. Se podo, escribo practicamente todos os días e inspírome no mesmo que me chamaba cando era pequena, como as cidades americanas e a novela negra.

-Como definiría a súa escritura?

-Son máis de acción que de descrición. O que din das miñas novelas é que permiten unha lectura áxil que engancha dende o primeiro momento. Ademais, son capítulos curtos e crean a curiosidade de saber que é o que vai acontecer a continuación.

-Hai dous meses que é editora.

-Así é. Somos dúas socias e un grupo de profesionais as que traballamos agora na axencia. A min propuxéranmo hai tempo e non me atrevín a dar o salto. Só levamos dous meses e xa estamos facendo tutorías para autores iberoamericanos. Temos manuscritos á espera e eu levo especialmente o labor de tutorizar e axudar, que sempre me gustou.

-Quen foi a primeira persoa que confiou en vostede?

-O meu marido foi o primeiro en sacar un manuscrito meu dun caixón. A verdade, sempre me sentín moi arroupada pola Asociación de Amigos do Camiño de Sarria, polo Concello de Láncara e pola Deputación. Especialmente aos comezos é moi importante ter un apoio e poder pedirlle algo á xente para poder despegar.

«Son máis de acción que de descrición e os capítulos son curtos e enganchan»

«Ata agora non me atasquei nunca pero sei que é algo que forma parte do proceso creativo»