Lóuzara e a vida que esmorece

MARÍA L. SÁNDEZ

SARRIA

23 ago 2022 . Actualizado a las 20:44 h.

O 17 de agosto celebrouse en Lóuzara unha evocación dos tempos nos que as sete casas tiñan cantina e recibían xente de Samos e Sarria. Os veciños foron emigrando, as cantinas pecharon e agora só queda a lembranza daquela época feliz. Un dos convocados, por ter rexentado unha das cantinas, fala da ledicia inmensa de saber da organización desta celebración, que nos achega ao que un día foi aquel lugar e ao seu xeito de vida.

Todo isto ten máis profundidade para a reflexión do que poida semellar a primeira vista: expresa a nostalxia intrínseca á vida humana, que avanza coma a corrente dun río imparable e non pode evitar a saudade dos recodos que van ficando atrás; ao tempo,

ilustra cambios radicais que estamos a vivir de xeito acelerado, pois fronte a aldeas con cantina ou taberna estanse a desenvolver barrios enteiros sen bares nin cafeterías e mesmo sen negocios, arrasados polo auxe das vendas por internet. Mesmo se comeza a considerar mudar a función dos baixos, permitindo o uso habitacional ou considerando a posibilidade do seu emprego para o alugueiro turístico.

Velaí o cerne mesmo da cuestión: vivimos no tránsito dun século o paso dunha Galicia rural, con formas de vida moi vencelladas ao territorio e unha sociabilidade definida por vínculos intensos, a unha nova vida marcada pola globalización, a deslocalización e o illamento. A alegría e vida comercial das cidades competiu no seu momento con aldeas que podían semellar na altura menos estimulantes e dinámicas, mais eses novos barrios, cúmulos de poboación sen vínculos e sen espazos para unha vivencia comunitaria fannos lembrar con morriña ese lugar emblemático, un auténtico cronotopo da Galicia rural, que son as nosas tabernas. De aí a potencia simbólica de Lóuzara e as sete cantinas que fican xa só no recordo.