Luisito Sarria

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

SARRIA

21 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

En Sarria (Lugo) publícase desde hai anos un Boletín que é o órgano do Seminario

de Estudos Sarriaos “Francisco Vázquez Saco”, dirixido por Xaime López Arias Arlindo, o cidadán máis erudito en persoas e aconteceres da vila e da comarca. Acaba de editarse o número 22 do Boletín, un volume de máis de 300 páxinas a dúas columnas, das que as 78 primeiras constitúen unha homenaxe ó importantísimo escritor do Século de Ouro español Frei Luís de Granada (Granada, 1504 ? Lisboa, 1588).

Por que esta homenaxe nesta publicación luguesa? Porque o ilustre escritor ten parte das súas raíces en Sarria, patria de seu pai, Narciso, que emigrou á cidade andaluza pouco despois de reconquistada polos chamados Reis Católicos. Así pois, o famoso escritor ascético é fillo dun emigrante galego nado en Sarria en data indeterminada. Alí casou cunha lavandeira, o que certifica a humildade do berce de quen, anos despois sería un extraordinario orador e conselleiro, en España e Portugal, de celebérrimas personalidades.

Cando eu explicaba este tema no Instituto de Lugo (1960 ? 1976), raro era o curso en que non polemizaba, in absentia, cos autores de libros de texto que, ó trazaren a biografía do escritor, iniciábana deste xeito: «Fray Luis de Granada, secularmente Luis de Sarriá» (sic). Na polémica eu aclaraba que tales autores (todos) sabían máis de fútbol que de biografía pois o topónimo Sarriá era o nome, daquela, do campo do Español.

Neste boletín, Arlindo, o responsable da súa primeira parte, ofrécenos un texto case descoñecido na bibliografía ad hoc: a novela curta Luisito Sarria o el hijo de la lavandera (Valencia, 1904), obra do escritor valenciano («integrista», aclara Arlindo) José Domingo María Corbató. Relato frouxo e un pouco empalagoso, proba, naquel ano de centenario, que a figura de Frei Luís de Granada, un dos escritores españois máis traducidos, aínda interesaba a amplos sectores. Sería útil, en vindeiros números do Boletín, que os especialistas no XVI opinasen sobre a vixencia da súa obra no ámbito dos dominicos (a súa Orde) e noutros ámbitos eclesiásticos ou non eclesiásticos.