









Na Terra Chá honrouse o traballo co liño mentres en Sarria concluiu o festival musical
27 oct 2024 . Actualizado a las 16:49 h.Mentres os magostos empezaban a facerse oco este sábado en moitos puntos da provincia lucense, en Vilalba e en Sarria o protagonismo cultural e lúdico discorría por camiños diferentes. Na capital chairega honrouse un ano máis a tradición do liño, mentres na sarriá se apostaba por bandas de música emerxentes da man da programación do Esmorga Fest.
O campo da festa de San Bartolomé de Insua, en Vilalba, acolleu a 16 edición da Tasca do Liño, unha proposta que promove a recuperación da tradición e da historia a través da práctica do liño, da que se extrae o fío. A historiadora Marisa Barreiro foi a encargada de dar o pregón desta volta, abrindo un programa de actos para todos os gustos.
Obradoiros de artesanía, exhibicións tradicionais, a música de Mestura de Nete ou dos Festicultores deron vida a unha xornada festiva e de dignificación do traballo do liño que incluía para rematar o conxuro da queimada a cargo do Meigo do Lume.
Música todo o día
Mentres en Vilalba se honraba a tradición, en Sarria mandaba a música na segunda xornada do Esmorga Fest, unha cita que tivo na sala Litmar e na Unión os seus dous escenarios e que apostou, como en anos anteriores, por dar a coñecer e impulsar a bandas emerxentes capaces de sorprender ao público.
Carmela e Tristón DJ foron os encargados de abrir ao mediodía a segunda xornada do Esmorga, que tiña previsto baixar a persiana de madrugada, once actuacións despois.