A sostibilidade e a loita contra a contaminación como eixos no IES Xograr Alfonso Gómez

La Voz CARBALLO / LA VOZ

SARRIA

C.U.

«É unha aprendizaxe de servizo coa que traballamos e coa que buscamos unha mellora na vila na que estudamos e vivimos»

09 mar 2025 . Actualizado a las 20:52 h.

O coidado do medio ambiente é unha premisa cada vez máis presente nos programas educativos de colexios e institutos. Nalgúns, non obstante, concédenlle unha importancia destacada, como no IES Xograr Alfonso Gómez, de Sarria, que vén de recibir hai uns meses un premio Innovagal na liña de sostibilidade.

«Foi un recoñecemento a estes últimos catro anos, nos que fixemos numerosos proxectos dedicados á promoción da saúde, a sostibilidade e á inclusión», explica Sonia Cantalapiedra, subdirectora dun instituto que intenta involucrar tamén ás familias neste proceso de concienciación. «Preocupámonos polo noso entorno, pola vila», sinala. Así o indican tamén varios proxectos do club de ciencia: traballaron conxuntamente cun supermercado local para reciclar aceite e facer xabón e, máis recentemente, fixeron estudos da contaminación do aire e do río de Sarria.

«É unha aprendizaxe de servizo coa que traballamos e coa que buscamos unha mellora na vila na que estudamos e vivimos», conta Sonia. Como parte do estudo, detectaron tamén cales son os vehículos que máis contaminan e os que menos. Uns resultados que ligaron despois co proxecto de mobilidade sostible que tamén impulsan dende o instituto co préstamo de bicicletas. «Está funcionando moi ben e os préstamos van a máis cada ano».

Se algo teñen claro no centro é que os alumnos aprenden coa práctica. Recollendo a auga de estacións meteorolóxicas e regando as plantas do centro, facendo ximnasia no medio natural ou creando pezas de arte a partir de plástico reutilizado».