«Un rueiro, moitas historias»: o proxecto educativo do IES Gregorio Fernández que busca coñecer o pasado de Sarria

SARRIA









O centro traballou durante o curso nun proxecto que indaga na historia da localidade e inclúe, como colofón final, unha exposición de fotografías e a gravación dun dos seus programas de radio por vez primeira fóra do centro, no hotel Alfonso IX
20 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Os profesores e alumnos do IES Gregorio Fernández de Sarria levan todo o ano inmersos nun proxecto tan innovador coma interesante. Un rueiro, moitas historias nace para dar a coñecer o pasado da localidade sarriá. A través dos diferentes departamentos do centro, dende Matemáticas ata Tecnoloxía, a comunidade educativa levou a cabo unha serie de traballos que xiran en torno á idea de que é o que nos contan as rúas de Sarria. Dende a área de Historia, por exemplo, estudaron o por qué dos nomes das rúas; dende o ciclo de Administración a evolución dos negocios e dende Tecnoloxía, entre moitos outros, elaboraron un mapa dixital e interactivo sobre a accesibilidade das rúas e establecementos da localidade.
O proxecto enmárcase dentro do programa Innova-Lab, da Xunta, e leva da man varias iniciativas que saíron a luz esta mesma semana. No punto final de todo o curso, o IES Gregorio Fernández inaugurou esta semana unha exposición de fotografías vinculada a Un rueiro, moitas historias e ademais trasladou por primeira vez un dos seus programa da radio escolar —Radio Bolboreta— a un lugar fóra do centro, ao hotel Alfonso IX de Sarria.
E por que a este sitio? Porque, explican, foi o responsable do establecemento, José María Díaz, o que cedeu un cento de fotografías antigas que os alumnos aproveitaron para o seu proxecto, e que están expostas nos corredores do propio hotel. «Déronse as circunstancias perfectas para facer alí o programa», explica unha das docentes do centro. Na gravación participaron varios convidados, alumnos, docentes e representantes institucionais, como a concelleira Geni Valcárcel.
Pero ademais do programa e da exposición, o instituto celebrou esta semana o segundo Festival de Curtametraxes. De feito, unha das que se presentou, aínda que non concursou, foi a que se desenvolveu con motivo do proxecto Un rueiro, moitas historias, feita ao xeito profesional polos alumnos do centro e dirixida por Xabier Meilán.
O proxecto que desenvolveron no marco de Innova-Lab tivo un gran peso durante o curso, e por iso é tamén un dos grandes protagonistas da revista escolar que todos os anos elabora o centro, Arela dun soño. A publicación recolle un resumo do ano, cos feitos máis destacados, así coma viaxes ou outras iniciativas, e foi presentada tamén pola comunidade educativa esta mesma semana. Uns días intensos que dan conta do esforzo e o traballo levado a cabo por alumnos e docentes para poñer en valor a súa vila a través da educación.