Mari López e Rosa Mayorquí, propietarias de Cosalinda: «Hai xente que ata ule as prendas»

NOELIA SECO / M. G. LUGO / LA VOZ

SARRIA

Cosalinda está situada no número 26 da rúa Diego Pazos de Sarria.
Cosalinda está situada no número 26 da rúa Diego Pazos de Sarria. Alberto López

Sarria abre a súa primeira tenda de segunda man. Nela os seus clientes poden atopar todo tipo de prendas, bixutería... Ademais, tamén fan amaños de confección

26 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Cosalinda é a primeira tenda de segunda man aberta en Sarria, concretamente na Calle Diego Pazos, 26, no baixo. Mari López e Rosa Mayorquí deron inicio a este negocio o pasado 24 de xullo, aínda que xa contaban previamente cunha tenda similar, pero exclusivamente online. «Cosalinda xa existía de antes, pero daquela non contaba nin cun nome propio», explica Mari.

Dentro deste establecemento non só se venden artigos de segunda man. Tamén se ofertan produtos de beleza, bolsos de gancho feitos por elas ou amaños de confección, entre outros. Todo isto a «uns prezos asombrosos». A roupa é o máis demandado entre os seus clientes. «Agora son moitos os veciños que se achegan coas súas propias prendas para vendelas. Nosoutras, a cambio, dámoslles ese diñeiro nun cupón para que o gasten na nosa propia tenda», explica a propietaria. Unhas prendas que antes de poñelas a disposición do cliente teñen que pasar por unha previa revisión. «Cando facemos pedidos, temos que comprobar prenda por prenda. Non as podes coller nun montón, lavalas e colocalas, como se faría nunha tenda usual de roupa. Nosoutras temos que revisalas, algo que leva moito tempo, xa que ás veces temos que arranxar algúns defectos que teñen», comenta.

Un punto que moita xente descoñece ao non estar habituados á existencia deste tipo de establecementos pola contorna. «Moitos pensan que é chegar o pedido e que xa poden compralo naquel momento, pero non é así», explica Mari. Por outro lado, na propia tenda podes atopar «apartados especiais» nos que se vende roupa de bebé ou de tallas especiais para nais embarazadas. «Incluso vendemos vestidos de noiva que poden chegar a custar como máximo 400 euros», resaltan en Cosalinda.

En canto aos prezos, pódense atopar produtos dende un e ata 10 euros. «Estes son asignados en función do estado da prenda, por exemplo. Ao mellor camisetas que teñen bastantes furacos, en moitos casos son reutilizadas para facer con elas un trapo, polo que custan tan só 1 euro», comenta Mari López.

Un comezo con ilusión

Desde o seu inicio, tanto Mari como Rosa estaban convencidas de que en Sarria «ía funcionar o negocio», aínda que eran conscientes de que nunca existira nada igual na zona. «Fomos moi ben acollidas. Pensabamos que ía a ser máis complicado porque era algo totalmente descoñecido na zona. A xente non está afeita a comprar roupa de segunda man en físico. Si que hai persoas que venden e compran en Vinted, Wallapop..., especialmente a xente nova. Pero a diferenza de esas tendas, aquí poden probalas, tocalas... antes de facerse con elas. Incluso hai xente que ata as ule», explica.

Unha concepción diferente

Ata Cosalinda achégase xente de todas as idades, a pesar de que os máis maiores poden chegar a ter «unha mentalidade máis pechada en canto á compra de prendas que foron usadas por outros». «Son moitos os que veñen con discursos tipo “está moi ben para ser de segunda man”, “seguro que non é novo?”, “pero está etiquetada...”. Creo que moitos tiñan unha concepción na súa mente distinta do que ían atoparse aquí», explica. Pero esta aparencia errónea das súas roupas tamén se debe, en gran parte, á labor que fan as súas propietarias, arranxando, lavando, desinfectando e pranchando cada unha das pezas.

Peticións de todo tipo

Durante este primeiro mes de apertura, chegou a haber xente que lles pedía «se lles podían conseguir roupa interior de segunda man». Unha proposta que foi totalmente rexeitada por elas. «As primeiras veces quedámonos sorprendidas, pero agora xa estamos máis que acostumadas», comenta. Tamén son algúns os que cando proban unha prenda preguntan se teñen unha talla máis ou menos. Algo que na maioría de casos non sucede, xa que ao final son produtos soltos. «Se ten solución, por exemplo, acurtar o largo dun pantalón, podémolo facer», di María.

Cosalinda está aberta de luns a venres, dende as 11.00 ata as 18.00 horas. «Aínda que tamén nos podemos acercar os sábados sen problema», destacan as propietarias, moi voluntariosas.