Millóns en Vilalba

Xulio Xiz TRIBUNA

VILALBA

26 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Aos que vivimos gobernados pola Peseta (e polos reás e pesos, especialmente no rural), como unidade monetaria, asumindo o Euro, sen querer traducimos simultaneamente os seus valores ás vellas unidades, resultando cifras hai anos inconcebibles. De aí, unha certa dificultade en traducir ás pesetas doutrora os cincocentos e pico millóns que a Lotería ven de deixar en Vilalba, dun xeito que non poderían soñar os protagonistas de Bienvenido, Mr. Marshall. Eso que os vilalbeses estamos afeitos a choivas así, desde que hai catro décadas o crego Domínguez de Santaballa elixiu o número 49.764, para ser distribuído polo Clube Santaballés, con tan boa fortuna que o Gordo señoreou a Chaira con máis de mil millóns de pesetas, e entrou na pequena historia nosa de cada día. E neste agonizante 2017 danse a man de xeito inmaterial o que agora é crego vilalbés con Arturo Gómez Mato, cantor da Polifónica Vilalbesa, que elixiu para o seu centro Insua Bermúdez o 71.198, con tan boa man e sorte que obtivo para as xentes do centro boa parte dos oito mil millóns de pesetas que, a ollo, Loterías Alcázar de por medio, veñen de tinguir de cor alegría o ambiente da miña terra vilalbesa.

E aínda que segundo o refrán «ten que ten», e tendo experimentado a cotío en carne propia os desaires da sorte loteira, alégrome polos amigos e polos que non coñezo, porque un premio así soluciona problemas, tapa furados e permite afrontar as dificultades da vida con moita máis tranquilidade. Que o diñeiro non dá a felicidade, ben se sabe pero, aplicándoo con sentidiño, malo non é.