Millóns

Xulio Xiz OPINIÓN

VILALBA

Cumpriuse medio século da aparición en TVE 1,do programa Un millón para el mejor, que fixo historia porque o premio era unha cantidade fabulosa, e os que nel triunfaron consagráronse na nosa memoria, de xeito especial Rafael Canalejo, Alcalde de Bélmez de la Moraleda.

Daquela un millón conmovía España. 50 anos e un mundo despois, o millón de pesetas son 6.000 €, que xa non é cifra abraiante. Agora, ao falar de millóns, son euros, e iso é unha cantidade, porque ser hoxe millonario é tan difícil ou máis ca naquel afastado 1968.

De cando en cando lembramos que en Vilalba deixou a lotería máis de 500.000.000 €, que por moi repartidos que estean colocou comodamente a numerosos vilalbeses. E oitenta e oito días despois, non falta quen bote contas en que se notou no pobo esta choiva de millóns tan benéfica que ata fixo rico ao Colexio Insua Bermúdez, que resultou ser a man inocente -a man foi a de Arturo, un dos reitores do Colexio- que elixiu o número que a sorte elevou do xeito máis extraordinario.

Nunca pensou o pintor Insua que o seu nome ía andar na boca das xentes por motivos diferentes ao da súa excelente pintura, nin sería sinónimo de boa sorte con base ben asentada e real.

Se en tempos a lotería en Santaballa por man do crego Antonio Domínguez revolucionou todo para ben, esta choiva de agora seica se traduce en coches de alta gama, tractores, pisos, parcelas… Cando chove con xeito dise que é unha bendición para o campo. Neste mollado inverno, esta choiva de millóns foi unha bendición para Vilalba. Aínda que, xa se sabe, nunca chove a gusto de todos.