Volven a Lugo os ventos que xa fuxiron

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS LUGO / LA VOZ

VILALBA

Fuxan os Ventos, nunha actuación nun festival en Lugo en 1977.
Fuxan os Ventos, nunha actuación nun festival en Lugo en 1977. PEINÓ

A exposición sobre os 50 anos do lendario grupo folk preside a oferta de lecer deste sábado

13 feb 2024 . Actualizado a las 11:53 h.

Se vinte anos non son nada, cincuenta se cadra dan para algo máis. Carlos Gardel cría que vinte anos pasan sen decatármonos, outras personas, tamén vencelladas co mundo da música, poden dicir que medio século serve para moito, Os que así se poderían expresar son os membros de Fuxan os Ventos, grupo que hoxe protagoniza a vida cultural de Lugo.

A traxectoria da formación amósase dende este sábado na cidade na que xurdiu. Unha exposición que se inaugura no Vello Cárcere (cun acto oficial ás 12 horas e outro, para o público en xeral, ás 19) reflicte a carreira duns rapaces aos que unha canción lles cambiou a vida. «Fuxan os Ventos» titúlase a peza coa que o grupo Folk 72 participou, hai 50 anos, no festival da canción organizado en Mondoñedo co gallo das feiras e festas das San Lucas. O premio acadado convenceunos de contado de que o grupo debía ter outro nome. O que veu despois é máis ou menos sabido: discos, actuacións en festivais pero tamén en vilas pequenas, letras vencelladas coa realidade económica e social de Galicia e tamén coa cultura tradicional e popular...

A chama non se apaqou, pois o grupo vén de ser recoñecido na edición dos premios Martín Códax que tivo lugar hai semanas en Pontevedra. A exposición que se inaugura en Lugo está organizada pola Xunta e pola área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, coa colaboración do Consello da Cultura Galega. Poderá visitarse, de domingo a mércores, de once da mañá a dúas da tarde e de cinco a oito e media da tarde, e de xoves a sábado, de cinco da tarde a dez e media da noite. Lugo será a primeira parada dunha mostra que se prevé levar a outras vilas e cidades co apoio da Rede Museística Provincial.

 

Xornada sobre entroido

Tamén a cultura popular ten hoxe en Lugo outra parada salientable. A Asociación de Escritores en Lingua Galega, coa axuda da Vicepresidencia da Deputación, celebra, e chégase xa ás 14 edicións, a Xornada de Literatura de Tradición Oral. O tema elixido é «Entroido. Transgresión e tradición». O programa desenvólvese no Pazo de San Marcos. A primeira conferencia (10.30 horas) é a de Felipe Senén López; o seguinte en intervir é Julio González Montañés (11.30), que logo (12.30) participa nunha mesa redonda co outro ponente. Pola tarde falan Nieves Amado Rolán (16 horas) e Mercedes Vázquez Saavedra (17 horas), e ambas as dúas interveñen despois (18 horas) nunha mesa redonda. O programa péchase (19.30 horas) cunha sesión práctica: o deseñador Xosé Manuel Seixas ofrece a súa visión de estudoso e de coñecedor de entroidos de Galicia e doutros lugares de Europa.

A música está presente en Lugo coa derradeira sesión do ciclo «Sons Creativos»: Inmaculada Cárdenas, coordinadora do Grupo de Creación Sonora da USC (GCSUS), protagoniza (Casa do Saber, 20.30 horas, entrada de balde) o concerto «Recreacións». No Círculo das Artes (20 horas) actúan a coral lucense Cantar Delas e o Coro di Core, de Alcalá de Henares, froito dun intercambio entre os dous grupos.

No Clavicémbalo (22.30 horas), dentro da programación do Festiblus, a cantante e compositora vasca Itziar Yagüe presenta o seu disco «Delicious», no que se inclúen temas de blues, de góspel e doutros estilos.

En Outeiro de Rei (Casa Museo Manuel, 20 horas, entradas a cinco euros) o grupo Adhara&Ritman presenta o seu segundo disco, «Por elas», no que a música persoal da formación se combina co soul ou co reggae.

 

Obradoiros

En Lugo (Afundación, 11 horas) desenvólvese unha sesión dos obradoiros «crea R», dirixidos a nenos de sete a doce anos e divididos en tres grupos: «Contos que cobran vida» (para nenos de sete e oito anos), «Sala de operacións» (para nenos de nove e dez anos) e «Sistema de rega intelixente» (para nenos de dez a doce anos).

En La Ferretería (10.30 horas) ten lugar un taller de acuarela, dirixido por Catalina Rodríguez Villazón, para achegar aos interesados ao mundo da pintura. En Palas de Rei (castelo de Pambre, 11 horas) preséntase a exposición «Excéntricas», con traballos de pintura e de escultura de Álvaro de la Vega.

En Pino (Cospeito) ten lugar a segunda edición do magosto Caldaloba. Primeiro (10.30 horas) faise unha andaina da escola do Mato ao castelo de Caldaloba, onde a escritora Andreia Costas pronuncia o pregón. Despois o escritor Darío Xoán Cabana recibe o título honorífico de Constanza de Caldaloba a título póstumo, entréganse os premios do certame de debuxo, e hai un recital poético, unha actuación musical e un xantar (14.30). Logo volven as actuacións e hai (19 horas) un magosto popular.

Premio en Vilalba

En Vilalba (Auditorio, 20 horas) entrégase a Lois Pérez o premio de narrativa Fernández Paz, gañado pola obra «A gruta da torre». Ademais do autor e do editor Manuel Bragado, no acto interveñen a presidenta do Iescha, Marisa Barreiro, e a alcaldesa, Elba Veleiro, e actúan o dúo Pasaxes, o grupo As Mouchas (alumnas do IES Basanta Silva), a Escola de Teatro e o grupo Corredores de Sombra.

En Sarria (La Unión, 19 horas) hai una proxección da película Malencolía, incluída no programa do ciclo Mestre Mateo.

Fotografías na Pastoriza

No CIN de Bretoña inaugúrase a exposición «A Pastoriza no tempo», que contén imaxes antigas do concello, achegadas por xente do concello e por dúas asociacións, a de veciños da Rigueira e  Xuntanza de Mullres de Saldanxe.