O Iescha pide que a Casa da Cultura de Vilalba leve o nome de Manuel María

X.M.P. VILALBA / LA VOZ

VILALBA

Manuel María, primeiro pola esquerda, no acto de ingreso na Real Academia Galega, que tivo lugar en Vilalba o 15 de febreiro do 2003.
Manuel María, primeiro pola esquerda, no acto de ingreso na Real Academia Galega, que tivo lugar en Vilalba o 15 de febreiro do 2003. ÓSCAR CELA

A entidade cre que o poeta é merecente de gratitude na capital chairega

15 feb 2023 . Actualizado a las 19:31 h.

O Instituto de Estudos Chairegos (Iescha) pide que a Casa da Cultura de Vilalba leve o nome de Manuel María. A sociedade lembra que hai 20 anos que comezou a facer esa xestión, e salienta que a data deste mércores, 15 de febreiro, encaixa nesa proposta: cúmprense 20 anos do ingreso do poeta de Outeiro de Rei na Real Academia Galega, e o acto, por vontade do escritor, tivo lugar no Auditorio Municipal vilalbés.

As razóns que se expoñen para que á Casa da Cultura se lle dedique o nome de Manuel María divídense en catro partes. En primeiro lugar. lémbrase a fonda relación que o poeta tivo con Vilalba: para o Iescha, ese vencello reflectiuse no ámbito persoal pero tamén no literario. En segundo, trátase do «valedor por excelencia» da comarca, ata o punto de que un dos seus libros de poemas máis coñecido é o titulado «Terra Chá», e dunha das principais figuras da literatura galega do século XX.

En terceiro lugar, o Iescha afirma que Manuel María é merecente de agradecemento e de gratitude en Vilalba polo seu compromiso con Galicia e pola súa «categoría moral e persoal». Por outra banda, a entidade considera que o Concello, como institución que representa aos veciños, debera dar ese paso e que esa decisión sería unha «boa mostra de correspondencia» co agarimo que Manuel María sentía por Vilalba.