Almudena Falcón, profesora de Vilalba que espalla a regueifa entre os alumnos: «Dicir a algúen cousas cantando é algo que funciona ben»

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS VILALBA / LA VOZ

VILALBA

Almudena Falcón non ve difícil convencer aos rapaces do interese da regueifa.
Almudena Falcón non ve difícil convencer aos rapaces do interese da regueifa. PALACIOS

Afirma que é importante ter unha mente áxil para poder improvisar

17 nov 2023 . Actualizado a las 20:40 h.

Quen coñeza un pouco a historia de Vilalba ben sabe que na capital chairega se leva cantado moito. A presenza de agrupacións corais semella contradicir algúns dos versos máis coñecidos de Manuel María («Non canta na chá ninguén, / por eso meu carro canta»), que se popularizaron nas voces de Fuxan os ventos. O que se cadra non se leva feito tanto é regueiar, aínda que ese baleiro, se o hai, xa se está a cubrir.

Almudena Falcón é profesora de Galego no IES Basanta Silva, de Vilalba, onde a regueifa xa fuciona como unha actividade que practican os rapaces no tempo de lecer. O obxectivo que persegue é claro, como ela di: tenta espallar a regueifa pola Terra Chá. Porén, recoñece que non ten noticias dunha tradición si presente noutras comarcas de Galicia. «Na Terra Chá sempre se cantou. Cantáronse coplas e cántigas», di. Mesmo cre que puido haber tradición de regueifeiros, protagonizada por xente que empregaba outra palabra para ese xeito de versificación popular.

-Que fai falta para ser regueifeiro: axilidade mental, facilidade de palabra...?

-Hai que practicar moito. No hai que ser especialmente bo, senón que se se traballa, vaise collendo con rapidez o oficio. É como practicar calquera deporte ou un instrumento musical: hai que practicar. A medida que se vai practicando, vaise collendo axilidade musical para ver que idea se quere transmitir, con que palabra se quere rematar o verso, etcétera. Fai falta unha mente áxil.

-Que é a regueifa? Trátase quizais dunha ferramenta para expresar a ironía ou a retranca?

-Había xente que regueifaba todos os días. Facíanse traballos colectivos, e a xente, mentres traballaba, regueifaba. Era unha maneira de evitar conflitos: o que se lle quería dicir a alguén contábase con algo de ironía, e creo que así se arranxaban problemas. Tamén se regueifaba nas vodas, ás que se chamaba a regueifeiros profesionais que facían un espectáculo. Ían tamén outros regueifeiros, que non foran convidados; facíase unha competición, e o que gañaba tiña o dereito de repartir a sobremesa da voda, que tamén se chamaba regueifa.

-Como se achega a regueifa aos rapaces de hoxe?

-Contando a historia da regueifa de xeito breve. Tamén lles explico como se facían as coplas. Pode usarse calquera ritmo, a cuestión é empregar versos octosílabos con rima nos pares. O rapaces engánchanse moi ben, sobre todo cando chegan á parte final, ás 'bombas'. Cada grupo lánzaa ao outro, pero con respecto; sempre entre os grupos, non de xeito individual. Dicir cousas a outra versoa cantando é algo que funciona ben.

-Que sentido ten a regueifa no tempo do rap?

-A regueifa é bastante presente. Sempre atopas algún rapaz que improvisa, que fai rap, mentres que a regueifa ten unha estrutura máis fixa. Pero tamén se pode regueifar con bases de rap: hai que ser profesional porque o do rap é un ritmo máis rápido; na regueifa pódese facer un retrouso no medio.

Unha actividade máis na oferta do instituto e da vila

O IES Basanta ten, dende hai anos, un clube de lectura cuxa actividade é coñecida e recoñecida. De feito, acadou hai meses un premio de ámbito estatal polo seu labor. A regueifa tamén espalla a influencia súa fóra das aulas, pois este venres (Auditorio Municipal, oito do serán) ten lugar o espectáculo Regueifa Tour, con varias actuacións. O curso pasado, lembra Almudena Falcón, desenvolvéronse obradoiros de regueifa nos colexios de Vilalba e a actividade mantense no IES Basanta Silva.