Marta Rouco, alcaldesa de Vilalba: «O segredo do noso éxito é facer actividades para os veciños, pero contando con eles»

LUCÍA CAMPOS LUGO / LA VOZ

VILALBA

Marta Rouco, alcaldesa de Vilalba.
Marta Rouco, alcaldesa de Vilalba. Miña Comunicación

A rúa da Pravia volverá encherse de música e ambiente este venres, día 15, co Tardeo na Pravia. A partir das 20.00 horas, o dúo Cristian Leggiero e Patry Lesta porán banda sonora a unha das iniciativas que o Concello puxo en marcha este verán para dinamizar o centro da vila e apoiar a hostalaría local

13 ago 2025 . Actualizado a las 09:56 h.

Vilalba, capital da Terra Chá, vive un momento de dinamización cultural e social. O Concello mantén unha programación activa durante todo o ano, anunciada con antelación a través das redes sociais, que inclúe feiras, mercados, bailes e actividades polas tardes nas parroquias, como obradoiros de memoria, novas tecnoloxías, manualidades ou ximnasia de mantemento. O obxectivo é chegar tanto ao centro urbano como ás zonas rurais e fomentar a participación veciñal.

Este venres, día 15, súmase unha nova proposta ao calendario: o Tardeo na Pravia, ás 20:00 horas, coa actuación do dúo Cristian Leggiero e Patry Lesta.

Á fronte desta aposta pola dinamización está Marta Rouco, alcaldesa de Vilalba desde 2023 e natural de Goiriz, quen considera que estas propostas son fundamentais para manter viva unha vila como Vilalba.

—Este mes comezastes cos Tardeos na Pravia. Como xorde esta iniciativa?

—Igual que todas as iniciativas que facemos, o que pretendemos é dinamizar Vilalba. Ao final, se non se fai nada, moita xente opta por irse a outros lugares. Queremos que a xente de aquí se quede e que os que veñan de fóra se animen a vir. Este xa é o segundo Tardeo que facemos e facémolo en colaboración cos locais de hostalaría da vila. A anterior xornada funcionou moi ben e animáronse moitos peregrinos e veciños; notábase moito máis ambiente que noutros sábados de verán. Se escoitas falar que é un pobo dinámico, sempre vas ter máis ganas de visitalo e coñecelo. Tratamos de ter alicientes para que a xente visite Vilalba, porque temos unha hostalaría e un comercio que protexer e coidar.

—Están tendo boa acollida as actividades?

—Si, en xeral están tendo moito éxito. É o caso dos bailes, que comezamos a facer dentro da programación do Nadal e, pola boa acollida que tiveron, decidimos mantelos ao longo de todo o ano, facéndoos coincidir cos domingos de feira. Preferimos, por un lado, ter unha data fixa para que a xente saiba que día son e, por outro, facelo coincidir coa feira para que pasen unha xornada en Vilalba. Levamos desde decembro do ano pasado facendo unha edición mensual. Adoitan participar entre 80 e 120 persoas. A verdade é que estamos moi contentos pola acollida.

—Que outras iniciativas destacaría?

—En Vilalba temos unha feira mensual que antes tiña dúas ubicacións: o Campo da Feira e a Praza de Santa María. Esta última, de feito, chámase Praza dos Ovos porque era onde antes se colocaban as mulleres a vendelos, e tamén había alí aves, coellos e pequenos animais á venda. Pero hai uns anos, por requirimentos da Xunta e da inspección veterinaria, houbo que unificar todos os animais no Campo da Feira. Entón, esa praza foi perdendo pouco a pouco os postos que había e os vendedores de froitas e verduras tamén pediron a súa unificación co resto de comerciantes. Cando se fixo isto, aquela praza quedou sen vida os días de feira, polo que pensamos que debiamos facer algo para animar a hostalaría e os comercios desa zona. Comezamos no mes de maio cunha feira de artesanía que funcionou moi ben. Tamén tivemos dúas edicións dun mercado de segunda man ao que chamamos Vintalba. Neste último mes organizamos unha feira multicultural na que persoas migrantes de diferentes países, pero que residen en Vilalba, cociñaron pratos típicos dos seus lugares de orixe para dalos a coñecer ao resto de veciños e visitantes. Participaron 13 países e tivo unha gran acollida.

—Ademais de facer actividades no centro de Vilalba, tamén facedes actividades nas parroquias.

—Vilalba é o caso urbano, pero tamén é as 28 parroquias restantes. É un concello moi extenso cunha zona rural moi importante, onde vive gran parte dos nosos veciños. Para nós é importante levar actividades ás parroquias e que todos poidan participar. O ano pasado puxemos en marcha distintos programas, algúns en colaboración coa Deputación de Lugo e outros financiados con fondos propios do Concello. Este ano volveremos ofrecelos a todas as parroquias pola súa gran acollida. Ademais, moita da xente que asiste é maior, e parécenos moi importante que desfruten das actividades, pero tamén que se relacionen e se manteñan en contacto co resto de veciños.

—Tedes propostas para maiores, pero tamén para a mocidade?

—A nosa idea é facer de Vilalba un lugar onde sempre haxa cousas que facer. Ás veces só se programan actividades para nenos, que está moi ben e nós tamén as ofertamos, ou para un público familiar. Pero cremos que é importante pensar tamén na xente maior, porque moitas veces están sós e, en moitas ocasións, esa soidade non é desexada. Non obstante, temos actividades para todas as idades. A través das escolas deportivas, dos bailes e de todas estas iniciativas queremos que os veciños e veciñas vexan en Vilalba un lugar onde hai cousas que facer, onde se viva ben e onde queiran estar. Ese é tamén o noso obxectivo como goberno.

—Recibides propostas por parte dos veciños?

—Nas actividades das parroquias recibimos o seu feedback porque, ao longo de todo o ano, achegámonos a todas elas para falar con eles e escoitar as súas suxestións co fin de mellorar. Nas iniciativas da Praza de Santa María tamén participaron distintos veciños e veciñas. Ao final, a súa colaboración é fundamental e, sen eles, non as poderiamos levar a cabo. Por exemplo, a feira de artesanía partiu dunha iniciativa dunha artesá de Vilalba. Creo que ese é o segredo do noso éxito: facer actividades para os veciños, pero contando con eles, escoitando as súas opinións e suxestións. É un ciclo de escoita constante. Ademais, xa nos trasladaron algunhas ideas para o vindeiro ano.

—Que novas actividades están preparando?

—Precisamente, grazas a unha reunión cunha asociación de mulleres de Vilalba, xurdiu a idea de facer uns ciclos de charlas polas parroquias sobre temas de saúde, porque é algo que preocupa á veciñanza. Queremos ofrecer unha serie de consellos básicos sobre distintos temas sanitarios e estamos valorando complementalo con nocións básicas de primeiros auxilios. Non mo pediron directamente, pero a través das conversacións detectamos estas necesidades.

—Se tiverades un orzamento ilimitado, que proxecto cultural vos gustaría facer?

—Sen dúbida, se o orzamento non fora un impedimento, poderiamos facer moitas cousas. Gran parte das nosas iniciativas van máis pola liña de tirar de imaxinación para gastar pouco que de grandes presupostos. Ocórreseme mellorar todas as casas escolas e centros sociais que temos, para que realmente fosen centros de dinamización e puidesen acoller actividades continuas. Tamén trataríamos de ter música nas nosas rúas moito máis a miúdo, cunha programación cultural moito máis ampla do que o noso orzamento actual nos permite. Soñar está moi ben, pero a realidade é que os orzamentos son moi limitados, e este é un dos problemas dos concellos.